O CPR A Milagrosa de Santiago incorpora ao seu alumnado á Biblioteca Humana de Galicia cun obradoiro de memoria oral e creación sonora
A actividade, impulsada por Acude Rural, abre un proxecto pedagóxico anual que recuperará historias familiares a través de pódcasts en galego

O CPR Plurilingüe A Milagrosa de Santiago acolleu este venres unha nova actividade pedagóxica vinculada á Biblioteca Humana de Galicia, un proxecto da Asociación Galega de Cultura e Desenvolvemento Rural (Acude Rural), apoiado pola Deputación da Coruña, que procura recuperar a memoria oral e familiar no ámbito educativo.
O alumnado de 5.º de Primaria participou nunha sesión formativa pensada para sensibilizar sobre a importancia das historias de vida, das raíces familiares e da transmisión interxeracional. A actividade desenvolveuse no estudo de radio do centro e contou coa presenza de Aser Álvarez, representante de Acude Rural, encargado de dinamizar a proposta e explicar o sentido da Biblioteca Humana.
Durante a sesión gravouse un pódcast en directo, concibido como lanzamento dun proxecto que se prolongará ao longo do curso e no que tamén participará o alumnado de 6º de Primaria.
Pódcast para recuperar voces, lembranzas e biografías
O obxectivo é que os nenos e nenas elaboren pódcasts en galego nos que recollan historias das súas familias: lembranzas das persoas maiores, acontecementos significativos, costumes ou relatos transmitidos oralmente. A iniciativa pretende reforzar o vínculo entre xeracións e fomentar o uso do idioma a través da creación sonora.
Estas pezas formarán parte dun repositorio online dispoñible na web www.acuderural.org, onde se irán incorporando as contribucións realizadas nos distintos centros educativos da provincia.
Un proxecto de divulgación do patrimonio inmaterial
A Biblioteca Humana de Galicia forma parte dun programa máis amplo de recuperación e divulgación do patrimonio oral e inmaterial da provincia da Coruña. O proxecto aposta pola creación sonora como ferramenta para documentar a memoria individual e colectiva, empregando equipos lixeiros que permiten gravar en contornas urbanas e rurais e levando o pódcast ás rúas para socializar o seu uso entre a veciñanza.

Xunto ao traballo escolar, o plan inclúe obradoiros en centros de primaria e secundaria para ensinar técnicas de creación de contidos, formatos radiofónicos, referencias culturais e procesos de gravación, edición e produción.
O proxecto impulsado por Acude Rural destaca tamén pola súa dimensión de alfabetización dixital, dinamización cultural, fomento do galego e promoción exterior da cultura galega. A Biblioteca Humana de Galicia preséntase así como un espazo colaborativo, aberto á incorporación de outras entidades e iniciativas culturais, co propósito de fortalecer unha rede de creación, memoria e participación que una xeracións e territorios.












