O Pleno Infantil de Boqueixón cumpre dez edicións debatendo sobre os dereitos dixitais da infancia
Alumnos e alumnas do CPI Antonio Orza Couto trasladaron ao alcalde as súas propostas sobre seguridade, privacidade e bo uso da tecnoloxía

O salón de plenos do Concello de Boqueixón acolleu este martes a décima edición do Pleno Infantil, unha iniciativa organizada polo Departamento de Servizos Sociais coincidindo coa conmemoración do Día Internacional dos Dereitos dos Nenos e das Nenas. Un total de 42 estudantes de 5º e 6º de Primaria do CPI Antonio Orza Couto participaron activamente na sesión, expoñendo as súas preocupacións e reflexións arredor dos dereitos dixitais da infancia.
Os alumnos resumiron estes dereitos nun cartaz colectivo no que reivindicaban privacidade, seguridade, respecto, acceso á información veraz e equilibrio no uso da tecnoloxía. Ademais, compartiron consellos prácticos: “penso antes de compartir”, “comprobo se algo é verdade”, “non falo con descoñecidos” e “aviso a un adulto se algo me preocupa”.
Os “concelleiros por un día” toman a palabra
O alcalde, Ovidio Rodeiro Tato, deu a benvida ao alumnado e ao profesorado, explicando que o salón de plenos é o espazo onde se toman “as decisións máis importantes” para a vida no municipio: educación, servizos sociais, infraestruturas e proxectos que afectan ao día a día da veciñanza.
A continuación, Rodeiro cedeu a palabra aos 12 “concelleiros e concelleiras por un día”, que trasladaron propostas e peticións centradas en mellorar o coñecemento sobre o uso das redes sociais tanto para nenos como para adultos. Moitos deles recoñeceron que nas súas familias existen dúbidas sobre o funcionamento do mundo dixital e consideraron necesaria unha formación específica.
Tras as intervencións iniciais, a sesión continuou cunha rolda de rogos e preguntas, na que o alumnado expuxo diferentes necesidades detectadas no municipio. O alcalde comprometeuse a instalar unha árbore de Nadal no colexio e anunciou que se organizará unha excursión ao Aquapark de Cerceda no verán, logo de que os estudantes lamentasen a posibilidade de non ter viaxe de fin de curso este ano.
A xornada rematou cun pequeno acto de agradecemento, no que cada participante recibiu un caderno do 25N e un tazón do Concello de Boqueixón coa imaxe da ponte de Ponte Ledesma.
























