As esculturas do Mestre Mateo regresan a Santiago tras décadas en mans da familia Franco
O Museo do Pobo Galego acolle desde este luns as dúas figuras románicas tras a execución do fallo do Supremo que ordenou a súa devolución

As esculturas do Mestre Mateo, pertencentes ao conxunto do Pórtico da Gloria, xa están en Santiago. O Concello formalizou este luns a súa recuperación no Pazo de Meirás, onde a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, asinou a acta de entrega que pon fin a unha das reclamacións patrimoniais máis significativas emprendidas pola cidade nas últimas décadas.

A devolución faise efectiva despois de que o Tribunal Supremo estimase o recurso presentado polo Concello no ano 2022, recoñecendo a titularidade pública das esculturas e revogando as resolucións previas da Audiencia Provincial e do Xulgado de Primeira Instancia de Madrid. Con esta decisión, a xustiza avala a tese municipal defendida desde 2017: que as pezas foran espoliadas e que debían regresar ao patrimonio de Santiago.
As figuras quedarán expostas de maneira temporal no Museo do Pobo Galego, nun espazo que cumpre as condicións técnicas necesarias para a súa conservación e que, ademais, é un inmoble de titularidade municipal. A elección permite non só garantir a protección das obras, senón tamén situar a súa exhibición nun contexto cultural coherente e accesible para a cidadanía.
Un espazo para a memoria e a reflexión
O Concello confirmou que, durante a estancia das esculturas no Museo do Pobo Galego —ata o mes de maio de 2026—, programaranse actividades de carácter memorístico e divulgativo. O obxectivo é contextualizar historicamente o retorno das pezas e promover unha reflexión colectiva arredor do espolio patrimonial e da defensa dos bens culturais.
A chegada das esculturas tamén simboliza, segundo o Goberno local, un paso salientable na preservación da memoria histórica. O regreso prodúcese 50 anos despois da morte do ditador Francisco Franco, un prazo que o Concello considera ilustrativo da persistencia das estruturas de impunidade asociadas á ditadura.
Un proceso xudicial longo e complexo
A vía legal iniciouse en 2017, cando o Concello promoveu unha demanda contra Carmen Franco Polo —e, tras o seu falecemento, contra os seus herdeiros— para reclamar a propiedade das dúas figuras do Mestre Mateo. A acción reivindicatoria foi inicialmente desestimada en dúas instancias, que consideraron que as esculturas non estaban identificadas de forma axeitada.
Porén, o Supremo deu a razón ao Concello ao concluír que a identificación era suficiente e que as pezas, efectivamente, debían regresar ao patrimonio municipal. A resolución supón un precedente xurídico de relevancia para outras reivindicacións patrimoniais relacionadas co franquismo.
O Goberno municipal destacou o traballo desenvolvido ao longo de anos por distintos equipos políticos, técnicos e colectivos sociais implicados na defensa da memoria e do patrimonio. Entre eles, figuras como Martiño Noriega —que impulsou o inicio da demanda—, así como profesionais da Asesoría Xurídica Municipal, do Patrimonio do Concello, do Auditorio de Galicia e do propio Museo do Pobo Galego.
Hoxe é un día histórico para Santiago de Compostela e para Galicia, por primeira vez o Concello consegue que os Franco teñan que devolver os bens incautados a través do espolio, por unha sentenza por primeira vez na historia”
Tamén se fixo un recoñecemento expreso á labor das entidades cidadás que durante décadas mantiveron viva a reclamación destes bens, singularmente a asociación O Sorriso de Daniel, así como ás numerosas organizacións culturais, sociais e educativas que traballaron arredor da recuperación da memoria histórica.























