Familia Caamagno lanza 'De paseo en Portugal', o primeiro adianto do seu novo disco
O grupo cumpre 15 anos sobre os escenarios en 2026 e celebra a efeméride cun novo traballo e tres sinxelos de presentación

Familia Caamagno publicou este xoves De paseo en Portugal, o primeiro adianto do seu próximo disco, co que o grupo celebrará en 2026 os seus 15 anos de traxectoria. O tema, xa dispoñible nas principais plataformas dixitais, marca o inicio dunha nova etapa para o quinteto de Sigüeiro, recoñecido polo seu directo enérxico e festivo.
O sinxelo preséntase como unha peza pop cun retrouso luminoso e catártico, que anticipa o ton xeral do novo álbum que verá a luz o vindeiro ano. Será o primeiro de tres lanzamentos que a banda dará a coñecer nas próximas semanas, antes da publicación do disco baixo o selo compostelán Tremendo Audiovisual.
Un videoclip de animación premiado
A estrea chega acompañada dun videoclip dirixido por Xaime Miranda, cineasta galego multipremiado, que opta nesta ocasión pola animación como ferramenta narrativa. O vídeo poderá verse desde as 12.00 horas deste xoves na canle oficial de Youtube de Familia Caamagno.
O regreso aos escenarios en 2026
A banda prevé regresar aos escenarios a principios de 2026, cando presentará o seu terceiro disco longo. O álbum está producido por Raúl Pérez, do estudo granadino La Mina, un dos nomes máis recoñecidos da produción musical estatal e recentemente premiado nos Latin Grammy polas súas mesturas.























