Santiago prepárase para a primeira edición dos Premios da Cociña Galega
A iniciativa busca poñer en valor a gastronomía tradicional e o talento profesional que mantén viva a identidade culinaria do país

O Auditorio de Galicia acollerá este luns, 1 de decembro de 2025, a gala inaugural dos Premios da Cociña Galega, unha iniciativa impulsada pola Asociación Amigos da Cociña Galega en colaboración coa Fundación A Muíñeira. Trátase da primeira edición dun proxecto que busca recoñecer a esencia da nosa cociña tradicional, homenaxeando tanto aos profesionais como aos establecementos que preservan o sabor e o espírito de sempre.
A proposta conta co apoio de Turismo de Galicia, da Xunta de Galicia; da iniciativa A Paisaxe que Sabe, da Deputación da Coruña; e coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.
“Celebremos a nosa cultura gastronómica”
Os galardóns nacen baixo este lema, cunha vontade clara: reivindicar a autenticidade, os produtos e o patrimonio culinario que definen Galicia dentro e fóra das súas fronteiras. A organización quere poñer en valor as casas de comidas, tabernas e restaurantes que conservan técnicas e receitas transmitidas de xeración en xeración, ao tempo que abre espazo á innovación con raíces, aquela que evoluciona sen romper coa historia.
Os Premios da Cociña Galega teñen unha particularidade fundamental: son outorgados por profesionais galegos, nun exercicio colectivo de recoñecemento á identidade culinaria do país. Cada categoría contará cun gañador e dous finalistas, que se anunciarán durante a gala no Auditorio de Galicia.
A selección busca reflectir a diversidade do territorio, recoñecendo pratos e produtos que forman parte do imaxinario gastronómico galego: o polbo á feira, o lacón con grelos, o cocido, a lamprea, o arroz de marisco, a merluza, a caldeirada, o pan, a empanada, os doces caseiros ou as tapas de cortesía, entre unha longa lista de elaboracións emblemáticas.

Aínda que a tradición é o fío condutor, a organización quere destacar tamén o labor dos novos profesionais que recollen o testemuño dos seus predecesores. A combinación de creatividade, aprendizaxe e memoria sitúa a gastronomía galega como unha das máis recoñecidas do Estado, tanto pola súa calidade como pola súa identidade.
Unha gala con ampla representación do sector
A ceremonia reunirá a asociacións profesionais, escolas de hostalería, clústers, responsables turísticos, medios de comunicación e empresas vinculadas ao sector gastronómico. Será unha celebración colectiva, con humor, música e momentos de homenaxe aos profesionais que manteñen vivo o sabor da terra.
O xurado está formado por máis de 60 profesionais multidisciplinares —críticos, xornalistas, enólogos, docentes, produtores e divulgadores— con representación das catro provincias. A súa diversidade garante unha visión ampla, rigorosa e plural da realidade culinaria galega.






















