Compostela abre as portas do seu legado oculto na VII Semana do Patrimonio Invisible
A edición conmemorativa polo 40 aniversario da declaración da UNESCO ofrecerá máis de 700 prazas para descubrir espazos históricos e edificios habitualmente pechados ao público

Compostela volverá abrir neste mes de decembro as portas do seu legado menos visible coa VII Semana do Patrimonio Invisible. Do 1 ao 5 de decembro, ofrecerá máis de 700 prazas nun percorrido único por edificios, espazos arqueolóxicos, institucións e infraestruturas históricas normalmente fechadas ao público, para achegar o patrimonio máis oculto á cidadanía e visitantes de Compostela.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé L. Penas e o xestor cultural de Trivium, Manuel Rial, presentaron este mércores en rolda de prensa o programa completo desta edición especial que coincide co 40 aniversario da declaración de Santiago de Compostela como Cidade Patrimonio Cultural da Humanidade pola UNESCO.
A dicir de Louzao, o programa permite “entrar en lugares fundamentais para afondar na historia da cidade e na nosa memoria” e “reivindicar a vastísima riqueza cultural desta cidade orgullosa de si”. Para a concelleira, estes percorridos pola cara oculta da cidade “convidan a cidadanía e visitantes a vela con novos ollos, a facer seus lugares cargados de historia, e a reforzar ese vínculo emocional que nos une a esta Compostela que sempre nos sorprende”.
O deputado provincial Xosé Penas salientou que “calquera iniciativa que fagamos dende as administracións públicas nunca serán suficiente para traballar canto é preciso co patrimonio visible e invisible” e, nese senso apuntou que este programa cumpre cun dobre obxectivo, “o de visibilizar ese patrimonio para que que o gran público poida entrar e, ao mesmo tempo, protexelo, porque facemos que estea vivo”.

Sete tesouros abertos por primeira vez
Nesta sétima edición, máis de 700 persoas poderán participar nas visitas a unha ducia de propostas diferentes, entre as que se inclúen sete espazos singulares que serán abertos ao público por primeira vez no formato de visita guiada exclusiva da Semana do Patrimonio Invisible: o Pazo Arcebispal, as Escavacións da Catedral, o Auditorio de Galicia, a Compañía de María, a Casa da Parra, a Colexiata do Sar e un que se garda aínda como visita secreta.
O programa complétase ata compor a ducia de propostas con algunhas das experiencias máis valoradas polas persoas participantes en anteriores edicións, como os Mananciais de Compostela, o CSC da Trisca, o Cemiterio e Capela do Rosario ou o Teatro Principal.










