Monbus Obradoiro e ADOS lanzan unha campaña especial para impulsar a doazón de sangue en Santiago
Unha acción conxunta para reforzar a solidariedade

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue e o Monbus Obradoiro presentaron este martes unha campaña especial de promoción da doazón de sangue, que se desenvolverá ao longo do mes de novembro en Santiago de Compostela. A colaboración inclúe iniciativas destinadas a incrementar a participación cidadá e reforzar a visibilidade deste xesto esencial para o sistema sanitario.
A directora de ADOS, Marisa López García, agradeceu ao club compostelán a súa “longa traxectoria de compromiso co xesto solidario da doazón” e pediu ao director xeral do equipo, Héctor Galán, que trasladase o recoñecemento á familia obradoirista polo seu apoio continuado.
Desde a Axencia subliñaron que a colaboración con colectivos e entidades de diferentes ámbitos é clave para reforzar a conciencia social arredor da doazón de sangue, e destacaron que o Monbus Obradoiro volve situarse como un aliado fundamental ao combinar os valores do deporte co impulso solidario que promove ADOS.
Pola súa parte, Héctor Galán reafirmou o compromiso do club con diversas causas sociais e lembrou que este mércores parte da plantilla visitará a unidade móbil de ADOS na cidade. “Cremos que é necesario devolver o apoio da afección con actos que beneficien á sociedade”, sinalou, lembrando o éxito dunha iniciativa similar o pasado ano.
Unidade móbil na Praza Roxa e agasallos para as persoas doantes
O mércores 26 de novembro, unha unidade móbil de ADOS estará instalada na Praza Roxa de 15:30 a 21:00 horas para atender a todas as persoas que desexen doar sangue. Como agradecemento, cada doante recibirá unha entrada para o partido do 6 de decembro no Multiusos de Sar fronte ao Flexicar Fuenlabrada —ata esgotar existencias— e participará tamén no sorteo dunha camiseta asinada polos xogadores do Monbus Obradoiro.

Durante os días previos, tanto ADOS como o club compostelán están a difundir en redes sociais mensaxes de sensibilización para fomentar a participación.
Santiago, líder en doazón en Galicia
A directora de ADOS lembrou que Santiago de Compostela foi en 2024 a cidade galega con maior taxa de doazón, con 85 doazóns por cada 1.000 habitantes e un total de 8.457 doazóns rexistradas durante o ano. A Axencia agradeceu novamente ao Monbus Obradoiro —directiva, corpo técnico, xogadores e seguidores— a súa implicación “decidida e constante” para que a capital galega siga entre os municipios máis comprometidos coa doazón de sangue.






















