Cineuropa roza as cifras prepandemia cunha edición de récord en Santiago
O festival suma máis de 17.000 asistencias, 547 bonos vendidos e elixe 'La Grazia', de Paolo Sorrentino, como favorita do público

A trixésimo novena edición de Cineuropa pechou este novembro cunha resposta histórica: máis de 17.000 asistencias ao longo de 17 días de proxeccións e actividades, o que supón un incremento superior ás 2.500 persoas respecto ao ano pasado e sitúa o festival a tan só un 3 % das cifras de 2019.
"La Grazia" (2025), do cineasta italiano Paolo Sorrentino, resultou gañadora do Premio do Público do 39º Cineuropa ao obter a puntuación máis alta entre todas as obras sometidas a votación. A película, protagonizada por Toni Servillo, Anna Ferzetti e Orlando Cinque, afonda no peso íntimo do poder, da responsabilidade e dos dilemas morais a través da figura de Mariano De Santis, presidente da República Italiana que se enfronta ao final do seu mandato entre silencios, rutinas e dúas peticións de indulto que porán en xogo as fronteiras entre a vida privada e a razón de Estado.
Con guión do propio Sorrentino, fotografía de Daria D’Antonio, montaxe de Cristiano Travaglioli e produción de Annamaria Morelli, Priscilla Pecetti, Andrea Scrosati, Paolo Sorrentino e Cristina Tacchino, o filme reafirma o inconfundible selo do autor napolitano: unha combinación de artificio visual, ironía melancólica e reflexión sobre o poder, a fe e a decadencia. O seu protagonista, Toni Servillo, foi recoñecido coa Copa Volpi ao Mellor Actor no Festival de Venecia 2025.
Con este título como obra mellor valorada polo público, o 39º Cineuropa culmina unha edición marcada pola alta participación, pola excelente acollida das súas máis de 140 obras audiovisuais e polo intenso diálogo entre creadores e espectadores nas salas do Teatro Principal, Salón Teatro, Auditorio de Galicia, NUMAX e Zona C.




















