Seguimento case total na segunda xornada de folga en Tyrma para reclamar melloras salariais e de seguridade
O persoal, arredor de 75 traballadores, repetirá o paro o 28 de novembro e exige garantías de mantemento do emprego

A segunda xornada de folga das tres convocadas na empresa Tecnología y Reciclaje de Materiales (Tyrma) para reclamar unha suba salarial digna, máis seguridade laboral e unha garantía de que se van manter todos os postos de traballo tivo un seguimento practicamente total.
Coincidindo co paro de 24 horas, que se repetirá o próximo 28 de novembro, as persoas traballadoras desenvolveron hoxe unha concentración diante das instalacións da compañía dedicada á reciclaxe de materiais de plástico que opera no interior da mina de Touro.
A práctica totalidade das arredor de 75 persoas empregadas optaron por secundar a folga, tal e como acontecera na primeira xornada que tivo lugar o pasado venres 14 de novembro, segundo explican dende o comité de empresa.
Estas medidas de presión pretenden forzar a empresa a pactar un complemento salarial por riba do convenio estatal de Reciclaxe de Materias Primas Secundarias que compensa a perda de poder adquisitivo dos últimos anos, así como a mellorar as condicións de seguridade no traballo tras o “alarmante” incremento de accidentes graves, cumprir a lei en canto aos permisos retribuídos que contempla o Estatuto dos Traballadores/as e retirar as sancións ao persoal que sufre accidentes laborais por falta de protocolos de seguridade na empresa.
Ao mesmo tempo, a representación sindical demanda que se garanta a continuidade do emprego na zona ante a incerteza pola posíbel apertura da mina, que podería supoñer a destrución dos postos de traballos nesta planta de reciclaxe.










