O CSC do Romaño acolle o I Campionato do Mundo do Ghaiteiro Petroleiro para lembrar a resposta cidadá ao Prestige
O torneo, creado pola asociación Unha Gran Burla Negra, combina xogo, humor e memoria colectiva a través dunha baralla artística con 125 cartas inspiradas no movemento Nunca Máis

O centro sociocultural do Romaño será o escenario do I Campionato do Mundo do Ghaiteiro Petroleiro, un xogo de cartas creado pola asociación cultural Unha Gran Burla Negra que combina de forma artística e satírica a memoria da Plataforma Nunca Máis e o imaxinario popular galego. O torneo, que irá acompañado de actividades paralelas e dunha exposición no mesmo CSC, foi presentado hoxe, no día no que se cumpren 23 anos do afundimento do Prestige.
O concelleiro de Mobilidade, Convivencia e Centros Socioculturais, Xan Duro, presentou hoxe o I Campionato do Mundo do Ghaiteiro Petroleiro, acompañado por Jorge Linheira, da asociación Unha Gran Burla Negra, e Sol Álvarez, autora do cartaz da iniciativa e do deseño dalgunhas das cartas da baralla do Ghaiteiro Petroleiro.
O edil mostrou o seu agradecemento por acoller este evento na rede de Centros Socioculturais, “recuperando a memoria do que foi a resposta cidadá diante do desastre ambiental e da nefasta xestión da crise do Prestige, hai xa 23 anos”. Tamén Jorge Linheira puxo en valor a resposta cidadá diante da catástrofe do Prestige, “que desmontou a imaxe de saudade do pobo galego amosando a nosa retranca e o noso humor, tamén de maneira reivindicativa”. Pola súa banda, Sol Álvarez explicou que a baralla do Ghaiteiro Petroleiro “é un interesante obxecto de xogo, pero tamén un valioso catálogo artístico”.
Ghaiteiro Petroleiro
O Ghaiteiro Petroleiro é unha baralla artística, que emula á Baralla do Prestige que Burla Negra creara en 2003, na que se combina de forma satírica a memoria de Nunca Máis e o imaxinario popular galego. Na súa elaboración participaron máis de 80 debuxantes, artistas, fotógrafas ou deseñadoras, e o resultado son 125 cartas, que propoñen un combate entre as forzas do capitalismo avanzado e as forzas da cultura popular.
As cartas fan referencia ao que foi a catástrofe do Prestige, con figuras como o chapapote, os “hilillos de plastilina”, os voluntarios e voluntarias, ou as barreiras anti piche; pero tamén a outros elementos vinculados á historia e á cultura de Galicia, como o Entroido, as dúas Marías, Rosalía de Castro, Castelao ou os pratos máis típicos da nosa gastronomía. Tamén hai cartas que falan da crise demográfica, do sistema electoral, ou mesmo do rescate financeiro.
Actividades paralelas
O I Campionato do Mundo do Ghaiteiro Petroleiro xogarase o sábado no Centro Sociocultural do Romaño, a partir das 11.00 horas e cun máximo de 24 participantes. As persoas interesadas en inscribirse poden facelo de maneira presencial no CSC do Romaño, ou no mail unhagranbulanegra@gmail.com. Antes do campionato, mañá e pasado, haberá sesións de introdución ao xogo.
No sábado, ao tempo que se desenvolve o campionato, están previstas dúas actividades paralelas no CSC: un obradoiro para crianzas co ilustrador Diego Estevo, e a elaboración dun mural colectivo coa artista Lúa Gándara. A participación nas actividades é libre e de balde.





















