Casa RIA reúne expertos para analizar como impulsar un modelo enerxético máis participativo en Galicia
O encontro forma parte do programa público do Laboratorio Ecosocial do Barbanza e require inscrición previa por aforo limitado

A Casa RIA acollerá este xoves 20 de novembro, ás 18.00 horas, unha nova mesa redonda centrada no papel das comunidades locais dentro da transición cara a modelos enerxéticos máis sustentables e participativos. A sesión insírese no programa público do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, impulsado pola Fundación RIA, e busca ofrecer un espazo de reflexión sobre os retos e oportunidades que se presentan en Galicia neste ámbito.
Un panel con voces especializadas
O encontro contará coa intervención de José Miguel Estévez, de TAELPO e responsable do deseño da Comunidade Enerxética A Reigosa; Xosé Manuel Golpe Acuña, consultor enerxético na Oficina de Transformación Enerxética da Deputación da Coruña; Francisco Álvarez, membro da xunta directiva do Clúster Biomasa de Galicia; e Ana Millán, presidenta da Asociación Arousa en Transición. A sesión será moderada por Xavier Simón, responsable do Observatorio Eólico de Galicia.
Consulta pública aberta á cidadanía
Como complemento ao debate, a Fundación RIA promove tamén unha consulta pública aberta co obxectivo de recoller opinións e reflexións da cidadanía arredor da transición enerxética en Galicia. Esta iniciativa busca sumar voces diversas e achegar novas perspectivas ao proceso de transformación cara a un modelo enerxético máis xusto e colaborativo.






















