Así será o I Festival Dálle Xogo, que promove o ocio sen pantallas e o uso educativo dos xogos de mesa
A iniciativa, que será levada a cabo en Área Central, reunirá editoriais, creadoras e entidades locais os días 21 e 22 nun programa con torneos, conferencias e actividades de balde

Área Central acollerá os próximos días 21 e 22 a I edición do Festival Dálle Xogo, un evento dedicado aos xogos de mesa e o ocio sen pantallas. Editoriais, creadoras e divulgadoras xuntaranse nun espazo que conta coa colaboración do departamento de Xuventude, e que inclúe numerosas actividades de balde para todos os públicos.
A concelleira María Rozas presentou hoxe a programación, acompañada polos promotores da feira, Cristina Neira e Kiko Cociña. A tenenta de alcaldesa explicou que o festival “nace cun obxectivo polo que vimos traballando desde o departamento de Mocidade, que é o de apostar polo ocio sen pantallas para previr as consecuencias do abuso destes dispositivos tanto a nivel físico como psicolóxico".
No mesmo sentido, Cristina Neira e Kiko Cociña explicaron que “o tempo de xogo é fundamental para as familias, e os xogos de mesa favorecen as conexións interxeracionais, ademais de ser enormemente beneficiosos para a saúde mental e o neurodesenvolvemento dos rapaces e rapazas”. Segundo explicaron, “na actualidade percíbese unha volta aos xogos de mesa, sobre todo a partir dos 8 anos, e é nos anos previos nos que aínda vemos con moita preocupación un abuso das pantallas”.
Espazos de xogo libre, conferencias e expositores
O I Festival Dálle Xogo celebraráse na tarde do venres 21 de novembro, e ao longo de toda a xornada do sábado 22. Coa participación dunha ducia de editoriais de xogos de mesa e máis de vinte entidades colaboradoras, o evento contará con espazos de xogo libre, torneos, charlas e expositores de diferentes marcas tanto galegas como estatais.
Así, poderanse probar os produtos de recoñecidas firmas como Mercurio, Diset, Top Toys, Asmodee, Old Teddys, Rey Mono, Brain Picnic, Upple Games ou Cayro. O festival contará, ademais, coa presenza de entidades locais vinculadas á educación, a inclusión e o lecer educativo, como Latento Servio Integral Altas Capacidades, o Espazo de Lecer María Miramontes ou Down Compostela, que achegarán ao público as súas propostas. A programación finalizará cun concerto, en colaboración coa Concellaría de Xuventude e co Centro Xove da Almáciga.
Na programación do I Festival Dálle Xogo destacan as mesas redondas e conferencias previstas ao redor do xogo. Así, por Área Central pasará Julio Rodríguez, divulgador científico que tén publicados tres libros sobre comportamento e educación, o último deles “Jugar por jugar” que amosa a importancia de xogar no mundo real fronte aos xogos de pantallas. Tamén haberá unha conferencia de Manu Velasco, un mestre que ten no seu curriculum numerosos recoñecementos e é autor de varios libros e referente no sector educativo polas técnicas que emprega nas aulas no uso das TIC para mellorar a aprendizaxe do alumnado.




















