A Xunta organiza en Santiago unha xornada de formación para familias sobre benestar emocional na adolescencia
A sesión contará con especialistas en psiquiatría, psicoterapia e ciberseguridade

A Xunta de Galicia celebrará o sábado 29 de novembro unha xornada de formación dirixida ás familias sobre benestar emocional na adolescencia, unha etapa na que o acompañamento parental, os límites educativos e o uso responsable das tecnoloxías adquiren unha relevancia central. Baixo o título A familia como base do crecemento persoal e emocional, a actividade terá lugar no Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, con inscrición gratuíta xa aberta no Portal Educativo ata completar aforo.
Tres relatorios centrados en saúde emocional e educación dixital
A sesión abrirase ás 10.00 horas e contará coa participación de tres especialistas de referencia. O primeiro relatorio, Axudando a crecer cando cambian os marcos, correrá a cargo de Alexandre García Caballero, doutor en Psiquiatría e profesional do CHUO, que intervirá ás 10.30 horas para abordar as claves emocionais e adaptativas propias da adolescencia.

Ás 11.30 horas, a consultora en ciberseguridade e identidade dixital Selva Orejón, directora executiva de OnBranding e perito xudicial, ofrecerá a charla Como ensinar ás túas fillas e fillos a usar a tecnoloxía de forma segura e responsable, centrada na prevención de riscos dixitais e no acompañamento familiar no ámbito online.
O programa pecharase ás 12.30 horas coa intervención de María Velasco Ghisleri, especialista en Psicoterapia Integradora e Psicoterapia do Neno e do Adolescente, que impartirá a sesión Amor e límites para axudar ao teu adolescente, centrada na importancia de establecer marcos educativos afectivos e consistentes.
Mellora do ensino híbrido e reforzo da convivencia escolar
Segundo explicou a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, esta xornada enmárcase nas accións desenvolvidas para mellorar o modelo de ensino híbrido en Galicia, que inclúe actividades formativas destinadas ás familias para reforzar o seu coñecemento dixital e apoialas no labor de acompañamento aos seus fillos e fillas.
A iniciativa forma parte tamén da Estratexia galega de convivencia escolar 2025 e compleméntase con programas como Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, que o Goberno galego vén de poñer en marcha para promover unha convivencia positiva e segura nos centros educativos.
























