O obradoiro literario 'As Compostelas que hai en min' convidará a redescubrir Santiago como territorio creativo
A actividade, organizada pola AELG en colaboración co Concello, será impartida por Daniel Asorey e inclúe catro sesións en novembro na Zona C

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en colaboración co Concello de Santiago, organiza o obradoiro de creación literaria 'As Compostelas que hai en min', impartido por Daniel Asorey no marco da Escola de Escritoræs da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG).
Esta proposta convida a descubrir Santiago como territorio literario, emocional e simbólico. A través de diferentes dinámicas de observación e escritura, exploraranse as múltiples capas da cidade e abriremos novas vías para a creación persoal.
O obradoiro propón explorar a cidade como espazo literario e simbólico á vez que fomenta a escrita creativa a partir da observación urbana. Nese sentido, as persoas participantes descubrirán as “cidades ocultas” que se agochan en Santiago: memoria, emoción, lenda, soños, utopía ou abandono, coa fin de crear textos literarios inspirados na cidade e nas miradas individuais de cada unha delas.
Catro sesións
A actividade terá catro sesións de dúas horas e media de duración cada unha nas seguintes datas: martes 18 de novembro, de 16.30 a 19.00 horas; sábado 22 de novembro, de 11.30 a 14.00 horas; martes 25 de novembro, de 16.30 a 19.00 horas; e sábado 29 de novembro, de 11.30 a 14.00 horas.
O obradoiro desenvolverase en Zona C. Punto de Información Cultural .O número máximo de participantes é de 15 persoas maiores de 18 anos. A inscrición é gratuíta e debe realizarse enviando un correo a oficina@aelg.org.









