Chega o proxecto AVISTA, un novo espazo para destacar o talento feminino nas artes
O primeiro encontro será un taller para nenas e nenos inspirado na obra de Tamara Feijoo, que permitirá descubrir a creación artística a partir da observación da natureza

Este sábado a Fundación DIDAC acolle no seu espazo de Santiago de Compostela o taller para a infancia "Breviario. Pintura e natureza na obra de Tamara Feijoo". Este taller é a primeira actividade encadrada dentro do proxecto AVISTA co que a Fundación DIDAC en colaboración co Concello de Santiago de Compostela fai foco na creación protagonizada por mulleres.
Un avistamento é o resultado de ver ao lonxe, da capacidade de mirar con ollos abertos cara o horizonte en busca de achados interesantes. Partindo desta idea xurde AVISTA, un proxecto que poñemos en marcha para visibilizar o traballo das mulleres artistas e creadoras no eido da cultura, as artes e o deseño.
AVISTA é un espazo de difusión móbil, un observatorio, tamén unha canle para a promoción de mulleres artistas, xestoras culturais, e en xeral profesionais do mundo da cultura, en prol de ofrecerlles un espazo de difusión do seu traballo, e facelas parte da programación da Fundación DIDAC ao longo do ano.
O percorrido comezará visitando o espazo da Fundación DIDAC observando as obras de Tamara para inspirar coas súas formas e cores. No camiño aprenderán tamén que é un breviario: un libro especial que recolle pequenos fragmentos, recordos ou pensamentos, e que servirá de guía para as creacións. Trátase dunha actividade para aprender xogando, mirar con curiosidade o mundo que nos rodea e gozar da creación artística dentro do espazo de DIDAC.






















