Adrián Noia gaña o Premio SELIC de Creación Literaria con 'O silencio non arrola'
O xurado destacou o “tratamento sincero e documentado de Santiago de Compostela” e o valor da novela para recuperar a memoria da cidade

O escritor compostelán Adrián Noia vén de ser elixido gañador do Premio SELIC de Creación Literaria, que convoca anualmente o Concello de Santiago co obxecto de incrementar a presenza da Compostela na literatura escrita en galego.
O xurado considera que a obra ‘O silencio non arrola’ é “unha novela ben construída na que se pon en valor a memoria da cidade, recupera e dignifica o tempo de quen perdeu na historia e achega un diálogo interxeracional”. Así mesmo, o xurado valora o “tratamento sincero, rigoroso e documentado de Santiago de Compostela” desta novela.
O gañador do Premio SELIC recibirá unha recompensa económica de 6.000 euros e a súa obra será publicada na colección SELIC que edita o Concello de Santiago xunto con Edicións Positivas.
O xurado que seleccionou a obra gañadora desta edición dos Premios SELIC estivo integrado Manuel Guede Oliva, Nuria Vilán Prado, Carlos Villaverde Balsa, María Lado Mariño e Carlos Ignacio Labraña Barrero asistidos polo técnico municipal de programación e xestión cultural, Xesús Amado Reino, en calidade de secretario, con voz e sen voto.






















