Propoñen a creación dun 'cohousing' con 30 vivendas colaborativas en Santiago
A concelleira non adscrita Mercedes Rosón pide ao goberno local que modifique o planeamento urbanístico para permitir a construción de 30 espazos deste tipo

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago, Mercedes Rosón, propuxo que o goberno local priorice o desenvolvemento dun proxecto de cohousing interxeracional en Roxos, impulsado pola cooperativa Alvariza, e pediu que se modifique o planeamento urbanístico vixente para facelo viable.
Rosón e as demais concelleiras non adscritas mantiveron unha reunión coa entidade promotora para coñecer os detalles dunha iniciativa que prevé a creación de 30 vivendas colaborativas no SUND-25 de Roxos (Villestro), das cales o 30% se destinarían a vivenda de protección oficial.
Un modelo residencial alternativo e sostible
A edil defendeu que se trata dun proxecto “coherente cun modelo de vivenda sostible e comunitaria”, que recupera a filosofía tradicional galega de convivencia: “onde se tece unha rede de veciñas e veciños que colaboran no día a día”.
Neste sentido, Rosón instou ao executivo de Goretti Sanmartín a iniciar os trámites necesarios para cambiar o uso do solo da parcela, actualmente cualificada como hoteleira, para uso residencial, e así permitir o desenvolvemento da proposta. “Desde as administracións debemos poñer as cousas doadas para que proxectos deste tipo prosperen”, sinalou.
O proxecto en detalle
A parcela elixida para o cohousing conta cunha superficie edificable de 4.055 metros cadrados e sitúase xunto á intersección entre a rúa do Nabal (CP-7802) e a rúa da Barrosa, fronte ao parque infantil inaugurado hai dous anos.
A proposta de Alvariza Cooperativas aposta por un modelo residencial interxeracional, que fomente a convivencia entre persoas de distintas idades e promova valores de sustentabilidade, participación e cooperación veciñal, integrando espazos comúns e servizos compartidos.






















