O PP de Santiago reclama melloras urxentes no Outeiro ante o “abandono” do barrio por parte do goberno local
Olaya Otero critica o mal estado do asfaltado, a falta de alumeado e a escasa limpeza nas rúas do Castiñeiriño

A concelleira do Partido Popular de Santiago, Olaya Otero, instou ao goberno municipal de BNG e Compostela Aberta a atender as reclamacións da veciñanza do Outeiro, no barrio do Castiñeiriño, onde —segundo denunciou— “hai anos que non se acomete unha intervención integral” e as estradas presentan “un asfaltado irregular e cheo de fochancas”.
A popular cualificou esta situación como “unha total falta de consideración e abandono” e asegurou que o estado da zona “amosa o trato discriminatorio que reciben e a carencia de acceso a servizos que teñen os veciños doutras partes da cidade”.
Estradas estreitas e fochancas sen reparar
Otero explicou que, ademais do deterioro do firme, hai vías nas que o ancho non permite o paso de ambulancias ou vehículos de emerxencia, o que supón “un grave prexuízo para a seguridade da veciñanza”. Tamén denunciou que as reparacións que se realizan “son superficiais e non resolven o problema de fondo, xa que ao pouco tempo o asfalto volve deteriorarse”.

A concelleira reclamou igualmente unha revisión da sinalización viaria e a limpeza das gabias, que —afirmou— “tarda cada vez máis en realizarse”. Isto provoca, segundo indicou, “acumulación de maleza e atascos nas canles de evacuación da auga, xerando problemas de asolagamentos”.
Mellora do alumeado e dos servizos
A edil tamén puxo o foco na falta de iluminación, xa que “en moitos puntos a veciñanza vese obrigada a camiñar coas lanternas dos teléfonos móbiles”. Solicitou ademais a instalación de máis contedores de reciclaxe, que actualmente “son insuficientes e están demasiado afastados uns dos outros”.
Outro dos puntos sinalados foi o mal estado da fonte e do lavadoiro da parte alta do barrio, un espazo “absolutamente deteriorado e rozando o abandono” que, segundo Otero, podería recuperarse cunha intervención mínima.
“Non piden privilexios, senón cuestións básicas”
A representante popular insistiu en que as demandas dos veciños “non son excesivas”, senón “cuestións básicas que calquera barrio merece”: estradas seguras, alumeado en condicións e limpeza adecuada.
Para Otero, esta situación reflicte “a desatención do executivo municipal a unha parte de Santiago que tamén paga impostos e merece servizos dignos”.





















