Máis de medio cento de veciños participa en Boqueixón na VII Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller
O alcalde, Ovidio Rodeiro, destaca o labor do CIM, que cumprirá 20 anos en 2026 e leva máis de 300 actuacións este ano nos concellos de Boqueixón, Touro e Vedra

A Casa da Cultura de Camporrapado acolleu esta fin de semana a sétima Xornada de Sensibilización en Violencia contra a Muller, unha iniciativa organizada polo Centro de Información á Muller (CIM) de Boqueixón en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade, o Ministerio de Igualdade e ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.
O encontro reuniu a máis de medio cento de veciños e veciñas, que participaron activamente nas diferentes actividades programadas para promover a igualdade, o respecto e a loita contra calquera forma de violencia machista.
Recoñecemento ao traballo do CIM
O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, foi o encargado de clausurar o acto, no que puxo en valor o traballo desenvolvido polo CIM, “un dos primeiros en poñerse en funcionamento na contorna e que o próximo ano cumprirá 20 anos de actividade”.
Rodeiro destacou que o centro realizou este ano máis de 300 actuacións en beneficio das mulleres de Boqueixón, Touro e Vedra, ofrecendo asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación sociolaboral e información sobre recursos, ademais dunha atención integral e especializada ás vítimas de violencia de xénero.
O rexedor agradeceu a implicación do persoal técnico e da veciñanza, subliñando que estas xornadas “serven para avanzar no camiño da non violencia, da igualdade e do respecto á muller”.
Teatro, reflexión e sensibilización
A xornada foi inaugurada pola concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Ángela Conde, e pola directora do CIM, Cristina Carbajales, que deron a benvida ao público asistente. A psicóloga do centro, Yolanda Neira, presentou á primeira relatora, Iria Pinheiro, actriz e psicopedagoga, que falou sobre “A violencia obstétrica: anatomía dunha serea”, unha forma de violencia de xénero da que ela mesma foi vítima.
O programa continuou coa representación teatral “Golpes”, da actriz Estíbaliz Veiga, unha peza que relata a historia de Pamela, unha moza que sofre violencia machista e que aprende a recoñecer e superar os golpes —físicos e emocionais— que marcan a súa vida.
A música correu a cargo de Natalí González, Xosé Silva e Fran Barcia, da Asociación Cultural Mestre Manuel Gacio, que puxeron o peche artístico á xornada.
Esta foi a primeira das actividades programadas polo Concello de Boqueixón con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. A seguinte cita será o 20 de novembro, cando o alumnado do CRA Boqueixón-Vedra asistirá á obra “Daniel e Daniela”, de Trémota Teatro, orientada a fomentar a igualdade e o respecto dende a infancia.









