A Área Empresarial do Tambre formará a 100 persoas desempregadas en loxística e comercio
A iniciativa, financiada pola Xunta e o SEPE, ofrecerá máis de 300 horas de formación

A Asociación Área Empresarial do Tambre desenvolverá unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia 2025/2026, unha iniciativa financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE).
O proxecto, que se impartirá ata o 26 de outubro de 2026 no Centro Empresarial do Tambre, ofrecerá máis de 300 horas de formación práctica e teórica en ámbitos como loxística, xestión de almacén, comercio e limpeza, ademais de módulos transversais en habilidades sociais, prevención de riscos laborais, primeiros auxilios e igualdade.
Apoio personalizado e bolsas de asistencia
O programa está dirixido a persoas desempregadas menores de 30 anos, mulleres e persoas inmigrantes, e prevé ata 100 prazas. Todos os participantes contarán cun servizo de atención e orientación individualizada, con sesións persoais de seguimento e acompañamento na procura de emprego.
Ademais, as persoas inscritas recibirán unha bolsa diaria de 10 euros pola asistencia ás actividades e poderán acceder a un servizo de conciliación para facilitar a súa participación.
Inserción laboral e contacto
A iniciativa ten como obxectivo acadar un 45 % de inserción laboral entre os participantes, consolidando así o compromiso da entidade coa formación e empregabilidade no tecido empresarial compostelán.
As persoas interesadas en participar poden dirixirse á Asociación Área Empresarial do Tambre, situada na rúa Vía Edison, 1, ou contactar a través do teléfono 981 55 28 50 para tramitar a súa solicitude.
























