Así foi 'Píxel á feira', o primeiro salón do videoxogo de Galicia
O salón organizado pola Deputación da Coruña reuniu centos de persoas no Palacio de Congresos nunha fin de semana dedicada á creación, a lingua e o humor

Santiago de Compostela acolleu esta fin de semana a primeira edición de ‘Píxel á Feira’, o novo salón galego do videoxogo impulsado pola Deputación da Coruña, que encheu o Palacio de Congresos de público durante dúas xornadas nas que o talento creativo e a innovación en galego foron protagonistas. A cidade converteuse así, entre o sábado 8 e o domingo 9 de novembro, na capital galega da cultura dixital, nun evento que combinou exposicións, torneos, charlas e concertos cunha ampla presenza de profesionais do sector.
Unha industria en crecemento e con selo galego
A inauguración contou coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e do vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que coincidiron en destacar o valor educativo, cultural e económico do videoxogo. “É importante que Santiago sexa tamén capital do videoxogo en galego”, subliñou Sanmartín, mentres Regueira insistiu na necesidade de “reforzar o apoio institucional para xerar emprego de calidade nun sector estratéxico”.
O comisario do evento, Iago Gordillo, agradeceu o respaldo das administracións e puxo en valor “a creación de espazos de encontro que contribúan a consolidar e profesionalizar a industria galega do videoxogo”.
Durante a fin de semana, máis de 50 proxectos feitos en Galicia formaron parte dunha mostra que reuniu propostas independentes, proxectos universitarios e videoxogos históricos. O MUVI –Museo do Videoxogo de Galicia– achegou unha exposición con pezas emblemáticas como The Wall (1986), coa presenza do seu creador, o ourensán Álex González.
O I Certame de Videoxogos en Galego premia a creatividade
No marco do evento celebrouse tamén a gala do I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, que recoñeceu a calidade dos proxectos participantes. O premio ao Mellor Videoxogo foi para Numbra, de DigiPen Europe-Bilbao, mentres que o Mellor Apartado Artístico recaeu en Cartas á Lúa (Mail to the Moon), de Michiños Fofiños, e o de Mellores Mecánicas en Basureroes: Invasion, de Javs Game Studios.

O xurado, formado por Eva Farto, Ramón Méndez e Isi Cano, destacou o alto nivel técnico e artístico das propostas, así como a súa capacidade para integrar a lingua galega en contornas dixitais innovadoras.
Educación, lingua e humor para pechar unha edición de éxito
A segunda xornada, celebrada o domingo, puxo o foco na educación, a lingua e o territorio como eixos do futuro da industria. Profesionais como Paula Rodríguez, Isi Cano, Violeta Moldes, Sara Cubelos, Víctor Justo, Víctor Fernández e Armesto 3D protagonizaron encontros e mesas de debate sobre o potencial pedagóxico do videoxogo, a necesidade dun selo galego recoñecible e o papel das novas tecnoloxías na posta en valor do patrimonio.

Xa pola tarde, o público encheu o escenario principal para gozar do podcast en directo de Exército Mekemeke, do espectáculo de improvisación Impro Gamer a cargo de Reinas Malas, e do trivial musical Gamesong, conducido por Xabi Pérez del Val e Eva Farto, que puxo o broche final cun ton participativo e divertido.
Un espazo para o encontro e a creación
A programación de Píxel á Feira combinou zonas profesionais e de lecer abertas ao público, como a Zona Torneos, o Escenario DLC —onde se presentaron proxectos e videoxogos en galego— e a Zona Interactiva, con máquinas recreativas orixinais e demostracións en directo.

O salón pechou a súa primeira edición cun éxito de participación e unha resposta masiva do público, consolidándose como un novo punto de encontro para creadoras, profesionais e xogadoras galegas.
A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago xa adiantaron a súa vontade de dar continuidade ao evento, que nace co obxectivo de situar Galicia no mapa da creación dixital e impulsar o videoxogo como ferramenta de innovación, cultura e identidade.











