O goberno de Santiago defenderá crear unha sociedade mixta para garantir o control público da xestión da auga
Goretti Sanmartín defende un modelo que combine transparencia e eficiencia con achega de investimento privado ante a situación “en precario” do servizo actual

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e o concelleiro de Sustentabilidade e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, compareceron este xoves para explicar o escenario no que se atopa a capital galega ante o reto de resolver o modelo de xestión do ciclo da auga. Neste sentido, o goberno defenderá a creación dunha sociedade mixta que garanta o control público e os investimentos que precisa o Concello, na comisión especial que se creou para ditaminar este asunto.
“Santiago necesita un novo modelo que garanta a auga como un dereito humano, que se xestione de xeito eficiente nun contexto de emerxencia climática; é necesario abordar importantes investimentos e se ten que garantir o control público”, explicou Goretti Sanmartín na súa intervención. Aclaraou que o modelo da sociedade mixta, un modelo público-privado, permite combinar ese necesario control público coa participación privada na achega de investimentos e do saber facer das empresas especializadas.
Polo tanto, engadiu, supón garantías de transparencia e eficiencia do servizo acompañadas dunha planificación económica que non condicione os orzamentos do Concello. “Este goberno aposta por unha xestión moderna e transparente na que cada euro que a cidadanía pague polo servizo que recibe se xestiona respondendo ao interese xeral”, engadiu.
Comisión especial
A alcaldesa lembrou que se creou unha comisión especial do Pleno para ditaminar sobre o mellor modelo de xestión para o ciclo integral da auga que, de acordo coa normativa, ten como función elixir entre a xestión directa e a indirecta, unha decisión que debido á súa magnitude e relevancia é necesariortoma “sobre bases rigorosas e co máximo consenso posible”.
Tal e como se acordara na primeira reunión da comisión, encargóuselle un informe á Universidade da Coruña, que conta coa única Cátedra da Auga existente en Galicia. Na segunda reunión, o venres 31 de outubro, o equipo redactor, formado por especialistas en Dereito, Economía e Enxeñería, presentou as súas conclusións. A proposta que formula este informe é a da creación dunha sociedade mixta con maioría de capital municipal, unha fórmula que, malia a ser xestión indirecta, garante o control público do servizo.
Goretti Sanmartín indicou que sexa cal for a fórmula, directa ou indirecta, a través dunha concesión, dun contrato de servizos ou dunha sociedade pública, vai ser necesario realizar estudos económicos, elaborar pregos e ordenanzas. “Ningún destes procesos é sinxelo, así que o que sería bo, o que sería responsable é que a Corporación tomase unha decisión de maneira rigorosa, atenta, pero que a tomase tamén para que a partir de agora poidamos poñernos a traballar de maneira directa”, engadiu.
A alcaldesa indicou que “a programación dos investimentos pode e debe realizarse con fontes de financiamento diferentes e unha empresa mixta permitiría facelo con criterios de interese público”, agregou
Situación actual
Pola súa parte, o concelleiro de Sustentabilidade Ambiental e Servizos Básicos, Xesús Domínguez, explicou o contexto actual para indicar que o servizo de abastecemento e saneamento da auga estase prestando nestes momentos é precario.
O contrato actual foi asinado en 1985 e tras varias modificacións, foi sucesivamente prorrogado ata o seu límite en 2019, ano en que queda en precario e se emite unha orde de continuidade baseada en que se trata dun servizo básico.
Esta situación, sumada ao contexto normativo, supón contar cun sistema de prestación do servizo “claramente precarizado, baseado en normas deseñadas para unha situación e unha concepción claramente diferente, tanto social, como económica ou ambientalmente, da que temos neste momento”.
Xesús Domínguez explicou que, segundo os datos da actual prestadora do servizo, os custos de funcionamento roldan os 10 millóns de euros ao ano e lembrou que de acordo coas directrices legais, os custos do servizo teñen que cubrirse coa taxa que pagan as persoas usuarias. Se atendemos aos conceptos variables, o que é estritamente consumo e tratamento, na cantidade incluída no mínimo estamos pagando algo menos de 1 € por cada 1000 litros.
De sucesivas análises e contrastes sobre eses investimentos, fóra xa da renovación da EDAR que se está realizando cun orzamento duns 60 millóns de euros, o horizonte sitúase neste momento en torno aos 100 millóns de euros para os vindeiros anos (que cabe programar segundo diferentes escenarios).
Segundo recollen os datos do propio estudo, o control público está presente na maioría dos concellos de máis de 80.000 habitantes. Nos 97 municipios maiores do Estado español, en 40, a xestión da auga é directa, por unha empresa pública, en 27 por unha empresa mixta, e 30 por unha empresa privada.
Goretti Sanmartín avanzou que, unha vez que todos os membros da Corporación teñen xa os estudos, volverase convocar sen tardar moito unha nova xuntanza para que a comisión ditamine sobre a fórmula.






















