O PSdeG denuncia “falta de transparencia e incumprimento” na xestión dos centros socioculturais de Santiago
A concelleira socialista Marta Abal cualifica de “inxustificable e incomprensible” a decisión do Goberno local de prorrogar o contrato malia as deficiencias detectadas

A concelleira do Grupo Municipal Socialista de Santiago, Marta Abal, criticou este xoves a decisión da Xunta de Goberno local de prorrogar o contrato de xestión da rede de centros socioculturais, incluído o lote de animación sociocultural, aprobada o pasado 31 de outubro.
Segundo afirmou Abal, trátase dun servizo que “non se está a cumprir de acordo co establecido nos pregos do contrato, polo que esta prórroga resulta inxustificable e incomprensible”.
Actividades canceladas e falta de alternativas no rural
A edil subliñou que a situación é especialmente grave nas parroquias do rural, onde “máis de trinta actividades programadas e xa pagadas polas persoas usuarias foron canceladas por falta de persoal”. En parroquias como Aríns e Cesar, asegurou, non se está a ofrecer ningunha actividade, mentres que en Villestro, “o Concello nin sequera ofreceu unha alternativa mentres o centro permanece en obras”.
Abal cualificou esta realidade de “inadmisible”, recordando que “as veciñas e veciños aboaron as súas cotas e non están a recibir o servizo, sen que ninguén lles dea explicacións nin garantías de devolución”.
Nóminas pendentes e atraso na nova licitación
A concelleira socialista advertiu tamén de que “ao mesmo tempo, o persoal segue con nóminas pendentes nun contexto de precariedade coñecido polo Goberno local desde hai meses”, e lamentou que, pese a esta situación, o Executivo decidise manter o contrato actual.
O PSdeG alerta de que o novo proceso de licitación acumula un atraso que impediría a súa entrada en vigor “como mínimo ata febreiro de 2026”, prolongando así o deterioro do servizo e a incerteza entre o persoal e as persoas usuarias.
Reclaman medidas urxentes e transparencia
Abal insistiu en que “desde o Grupo Municipal Socialista esiximos medidas urxentes para garantir a continuidade das actividades e poñer fin ao deterioro progresivo dos centros socioculturais, especialmente no rural”.
Ademais, reclamou ao Goberno local “unha resposta clara, inmediata e responsable ás persoas usuarias, que merecen respecto e transparencia por parte do seu Concello”.






















