Un doutorando da USC, premiado no Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións
Héctor González Vázquez recibiu o galardón á mellor comunicación teórica por un estudo sobre un novo estimador óptimo minimax para variedades

Héctor González Vázquez, doutorando da USC, ven de recibir o premio á mellor comunicación oral presentada por persoal investigador novo na "modalidade B: traballos teóricos" na edición número 17 do Congreso Galego de Estatística e Investigación de Operacións.
A comunicación de Héctor González Vázquez, titulada "Un novo estimador óptimo minimax para variedades", recibiu este premio á mellor comunicación teórica, da que tamén son coautores os profesores Beatriz Pateiro López e Alberto Rodríguez Casal, os dous pertencentes á USC.
González Vázquez é estudante de doutoramento no Departamento de Estatística, Análise Matemática e Optimización da Facultade de Matemáticas da USC, baixo a dirección de Beatriz Pateiro e Alberto Rodríguez. Á comunicación premiada correspondeulle un premio de 500 euros.










