O Ateneo de Santiago acolle a presentación de 'Las aristas de la sostenibilidad', a nova obra de Gumersindo Feijoo
O catedrático da USC propón unha reflexión sobre o futuro das novas xeracións e as múltiples dimensións da sustentabilidade

O Ateneo de Santiago acollerá este mércores, 5 de novembro, ás 19.30 horas, a presentación do libro Las aristas de la sostenibilidad, do catedrático de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Gumersindo Feijoo. O acto, que se celebrará na sede da entidade (Rúa do Vilar, 19), contará tamén coa participación do director do Servizo de Publicacións da USC, Juan Luis Blanco Valdés, e do directivo do Ateneo, Antón Porteiro.
Unha mirada poliédrica ao concepto de sustentabilidade
A obra ofrece unha análise profunda sobre as múltiples dimensións da sustentabilidade, tratadas como as aristas dun poliedro que define o futuro das novas xeracións. O volume estrutúrase en tres partes: a primeira reflexiona sobre o lugar e o modo en que vivimos; a segunda aborda palabras e datos clave da sustentabilidade, como economía circular, ecoblanqueo ou ecoloxía; e a terceira parte achegase á alimentación e á tradición como espellos do presente e ferramentas para afrontar o futuro con criterio e responsabilidade.
Un dos científicos máis influentes do mundo
Gumersindo Feijoo é unha das figuras máis destacadas da USC no ámbito científico e académico. Segundo a Universidade de Stanford e a editorial Elsevier, forma parte do 2 % de científicos máis citados e influentes do mundo. Ao longo da súa traxectoria publicou máis de 350 artigos en revistas internacionais e é autor de nove patentes e marcas de garantía, entre elas a ecoetiqueta Pescaenverde, centrada na sustentabilidade pesqueira.
O seu labor de divulgación científica foi recoñecido con numerosos galardóns, como o Premio Madre Tierra (2019) da Federación Española de Recuperación e Reciclaxe, ademais de ser finalista na VI edición dos Premios de Xornalismo e Sector Pesqueiro Español (2023).
A presentación de Las aristas de la sostenibilidad no Ateneo compostelán converterase nun espazo de reflexión colectiva sobre os retos ambientais, sociais e económicos que marcan o presente e o futuro da humanidade.

