As bibliotecas galegas celebran en novembro o "Mes da Ciencia en Galego" con máis de sesenta actividades
A Xunta impulsa unha programación que inclúe obradoiros, lecturas e xogos científicos nas principais bibliotecas públicas para fomentar o uso do galego como lingua válida para a divulgación científica

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia celebrarán durante todo novembro o "Mes da ciencia en galego" con máis de 60 actividades impulsadas pola Xunta. Entre estas haberá obradoiros prácticos y de lectura para amosar a validez do galego como ferramenta válida para esta disciplina.
Na presentación na Biblioteca Pública Ánxel Casal, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, puxo en valor estas actividades que “apostan por experimentar e divertirse entre os andeis das nosas bibliotecas rachando cos falsos estereotipos ao redor dos contidos científicos”.
En canto á edición deste ano, o director xeral de Cultura destacou como principal novidade a incorporación do servizo de "A Furgoteca" á programación que se desenvolverá tamén na Biblioteca de Galicia e na Ánxel Casal, en Santiago de Compostela; na Miguel González Garcés, na Coruña; na de Lugo; na Nós, en Ourense; na Antonio Odriozola, en Pontevedra, e na Juan Compañel, en Vigo.
Bibliotecas escolares
Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo fixo fincapé no papel que desempeñan as bibliotecas no seu día a día “cunha divulgación da ciencia a través dos libros e dos recursos en galego que están á disposición dos lectores”. Ademais, incidiu na necesidade de trasladar este coñecemento á cativada a través dos centros educativos.
Deste xeito, para levar a cabo todas estas citas, haberá colaboración entre os equipos de dinamización lingüística e as bibliotecas escolares. Polo tanto, ao abeiro desta programación, os centros educativos de primaria e secundaria contarán con iniciativas como publicacións, conferencias, exposicións de proxectos, xogos interactivos, podcast ou concursos para incentivar o traballo en equipo e para que os estudantes teñan a oportunidade de interactuar con estes conceptos e coa tecnoloxía.