O Ateneo de Santiago abre o debate sobre o modelo turístico da cidade
O encontro, titulado 'Cidadanía e turismo', celebrarase este martes e abordará os retos da convivencia entre veciñanza e visitantes

O Ateneo de Santiago celebrará este martes, día 4 de novembro, ás 19.30 horas, no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º), un novo Faladoiro titulado “Cidadanía e turismo”, que reunirá a tres voces de referencia para analizar o presente e o futuro do modelo turístico compostelán: Xosé Santos Solla, catedrático de Xeografía Humana da USC; Ángel Panero, arquitecto; e Francisco Candela, economista e presidente do Ateneo de Santiago.
Un debate sobre o equilibrio entre cidade e turismo
O encontro xorde da preocupación compartida por amplos sectores da cidadanía ante a transformación que o turismo provocou en Santiago durante o último decenio. O forte impacto sobre o casco histórico, marcado pola expulsión progresiva de residentes e do comercio tradicional e a súa substitución por actividades turísticas, pon de manifesto a necesidade de repensar o equilibrio entre a vida cidadá e a actividade turística.
O Ateneo sinala tamén a falta dunha estratexia municipal coherente e participada, que defina un modelo de desenvolvemento sostible e compatible coa identidade e o benestar da cidade.
Un espazo para a reflexión e a proposta
Neste contexto, o Ateneo de Santiago promove este faladoiro como un espazo aberto de reflexión e proposta, no que se poidan debater accións concretas para unha xestión do turismo integrada na planificación urbana e social.
A entidade compostelá busca así favorecer un debate plural e informado, que involucre administracións, entidades privadas e colectivos veciñais na construción dun modelo de cidade sustentable e vivible para quen a habita.

