As Xornadas de Ilustración Urbana convidan a mirar Compostela a través do debuxo
O encontro ofrece conferencias e obradoiros gratuítos que reivindican o debuxo como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano

As Xornadas de Ilustración Urbana, enmarcadas no Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada, chegan para desenvolverse do 7 ao 8 de novembro que invita a redescubrir a cidade a través do debuxo.
Coordinadas por Gemma Sesar, as XIU ofrecen un completo programa de conferencias de balde e un obradoiro tamén gratuíto que poñen o foco na ilustración como ferramenta de observación e reflexión sobre o espazo urbano.
A nova edición das Xornadas de Ilustración Urbana foi presentada nunha rolda de prensa na que tomaron parte a concelleira de Capital Cultura, Míriam Louzao, o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luis Penas, e a coordinadora das XIU, Gemma Sesar.
A Casa das Máquinas da rúa de Galeras acollerá este encontro que se inaugura o venres 7 ás 16.15 horas, para dar paso de inmediato á primeira das intervencións: Inma Serrano, unha das máis recoñecidas ilustradoras españolas no ámbito do urban sketching, achegará ao público o seu proceso creativo na conferencia “Dende cero: o proceso de creación dun debuxo”.
A continuación, ás 17.15 horas, a artista Pascale Lee, franco-taiwanesa afincada en París, falará de viaxes e de mirada cosmopolita na charla “Paseando con acuarelas, unha taiwanesa en París”. O primeiro día pecharase cunha intervención vibrante da ilustradora e arquitecta Olivia Marcus, que ás 18.00 horas ofrecerá “Baño de multitudes!”, unha reflexión sobre a enerxía das cidades e o papel da xente como auténtico motor da inspiración artística.

O sábado 8 de novembro abrirá cunha proposta participativa: de 10.30 a 12.30 horas desenvolverase o obradoiro gratuíto “Partindo de cero”, impartido por Daniel Pagans. Trátase dun taller dirixido a persoas maiores de 18 anos que desexen iniciarse no debuxo, sen precisar experiencia previa. Durante dúas horas, as persoas asistentes poderán aprender a escoller materiais, experimentar co uso da cor e da rotulación e, sobre todo, perderlle o medo ao papel en branco.
Pola tarde, a partir das 16.30 horas, retómase o fío das conferencias cunha viaxe por diferentes estilos e sensibilidades. A ilustradora Ximena Maier abrirá a sesión con “Azulexos ilustrados”, unha homenaxe ás texturas e motivos cerámicos presentes nas cidades.
Seguiralle, ás 17.15 horas, o veneciano Barnaba Salvador, que convidará o público a acompañalo nun percorrido pola Vía Francíxena, a antiga ruta de peregrinación que atravesa Italia e Francia e que o artista converte en caderno vivo. O ciclo de charlas pecharase ás 18.00 horas coa intervención de Sarah Mari Shaboyan, artista armenia de trazo inconfundible, que falará sobre “Como atopar a túa linguaxe na arte gráfica e como facer que funcione”, unha proposta para reflexionar sobre a autenticidade e o estilo persoal no mundo da ilustración.