Premio Juana de Vega 2025 para a mellora da entrada do Camiño de Santiago en Concheiros
O proxecto, asinado por Eduardo Cruz e promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas, destaca pola súa integración paisaxística

A Fundación Juana de Vega entregou na súa sede o Premio de Juana de Vega de Intervencións na Paisaxe 2025 ao proxecto de Mellora e integración paisaxística da “Entrada do Camiño de Santiago en Compostela. Nodo de Concheiros - Avenida de Lugo” firmado por Eduardo Cruz e promovido pola Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) da Xunta de Galicia.
Os dous accésits foron para o proxecto “Espazo Rosalía de Mera” (Oleiros, A Coruña), compartido por Orza Paisajismo, Trébore Jardinería e Grupo Naturalista Hábitat, e para o “Xardín de polinizadores Fernando Fueyo” que a Asociación Corripa creou en Pena da Nogueira (Negueira de Muñiz, Lugo).
O xurado tamén decidiu recoñecer con tres mencións especiais os proxectos “Fraga do Alén, ampliación do Cemiterio Municipal da Romea” (Lalín, Pontevedra); ao “Proxecto paisaxístico de recuperación ecosocial no patio escolar do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé” (As Neves, Pontevedra) e a“Humanización San Pedro de Leirado” (Quintela de Leirado, Ourense).
O proxecto gañador
O deseño de "Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago" substituíu a lóxica viaria por unha concepción compartida do espazo público, introducindo sistemas de drenaxe sostible (SUDs), arborado continuo e iluminación a escala peonil.
A paisaxe actúa como infraestrutura activa, integrando función, percepción e sostibilidade. O xurado apreciou especialmente a sobriedade e rigor formal e técnico desta execución no seu contacto co ámbito de protección histórico de Santiago. Considerou remarcable a solución específica para este cruzamento de camiños no eixo coa avenida de Lugo, a antiga vía de circunvalación á zona urbana, que tamén recibe aos milleiros de peregrinos que encaran o último tramo do Camiño Francés tras o descanso no Monte do Gozo, ademais de ser un ámbito de encontro entre barrios e xeracións. “Asumiuse un reto de gran calidade espacial soportada con solucións que salientan a xerarquía do Camiño de Santiago na súa aproximación ao templo”, resaltou o xurado na acta.