Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O PSdeG reclama á Xunta reformas, ampliacións e máis persoal nos centros educativos de Compostela

Aitor Bouza anuncia emendas aos orzamentos autonómicos para mellorar centros públicos e reforzar o persoal docente e de apoio

Aitor Bouza
O secretario xeral do PSdeG compostelán, Aitor Bouza
0620_wayalia_redideal_251121_carlos
0620_bonilla_redideal_251121_veronica
liceo620
MCDONALDS 620X50

O deputado no Parlamento de Galicia e secretario xeral do PSdeG de Santiago, Aitor Bouza, instou este xoves ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a atender as necesidades educativas de Compostela e a destinar máis recursos á educación pública. O socialista anunciou a presentación de emendas aos orzamentos autonómicos centradas en investimentos en infraestruturas e en reforzo de persoal nos centros educativos da cidade.

En rolda de prensa, Bouza explicou que as emendas elaboradas polo grupo socialista responden ás demandas recollidas nas reunións coas comunidades educativas compostelás, e buscan dar resposta a deficiencias estruturais e de espazo detectadas en varios colexios.

No CEIP López Ferreiro, os socialistas propoñen a ampliación do centro e do comedor escolar, mentres que no CEIP Vite demandan unha reforma integral que inclúa melloras na fachada, ventás, pintura, accesibilidade, pista semicuberta e baños.

Tamén no CEIP Quiroga Palacios solicitan a ampliación do centro e a reforma dos baños, ademais de garantir que o patio semicuberto poida ser utilizado por todo o alumnado. No CEIP Raíña Fabiola, o PSdeG aposta pola ampliación do comedor escolar.

Bouza subliñou que “todas estas cuestións resúmense en investimentos para reformas e ampliacións de centros educativos en Santiago de Compostela”, e incidiu en que “cartos hai se realmente non lle perdoamos aos máis ricos os máis de 800 millóns de euros e apostamos pola educación pública e de calidade”.

Reforzo de profesorado e persoal de apoio

Ademais das emendas orzamentarias, o PSdeG presentará iniciativas parlamentarias complementarias para incrementar o número de docentes e persoal de apoio nos colexios composteláns.

Segundo detallou Bouza, o CEIP López Ferreiro precisa un profesor ou profesora de audición e linguaxe, o Monte dos Postes necesita dous PTs e unha AL, e o Raíña Fabiola require un PT e coidadores exclusivos, sen compartilos con outros centros.

O deputado asegurou que estas medidas son “imprescindibles para garantir unha atención educativa axeitada a todo o alumnado”, e insistiu en que “a Xunta debe actuar con urxencia ante a sobrecarga que padecen os equipos docentes”.

Chamamento a Rueda e a Verea

Bouza reclamou directamente ao presidente da Xunta que “atenda as necesidades educativas de Santiago” e pediu ao deputado do PP e concelleiro compostelán Borja Verea que apoie as propostas socialistas: “Ten que demostrar co seu voto que quere a esta cidade e as necesidades da súa comunidade educativa”.

O secretario xeral dos socialistas composteláns concluíu garantindo que o PSdeG de Santiago seguirá traballando coas ANPAs e as direccións dos centros educativos durante as vindeiras semanas, co compromiso de escoitar á veciñanza e levar a súa voz ao Parlamento galego.

0620_alba_cocinas_redideal_251121_cristina
0620_arte_floral_calo_251121_carlos
0620_dans_relojeros_redideal_260109_cristina
0620_pazo_santa_cruz_redideal_251121_cristina
0620_puertas_delfin_redideal_251212_cristina
PRIMERA-LINEA-620
lacabaña620