O Ateneo de Santiago debate o futuro modelo industrial para Galicia este luns
A mesa redonda reunirá o catedrático da USC Melchor Fernández e o empresario Daniel Hermosilla para analizar os retos da industria galega

O ciclo Os Luns do Ateneo acollerá este 3 de novembro ás 19.30 horas, na sede do Ateneo de Santiago (Rúa do Vilar, 19), unha nova sesión centrada nun dos grandes desafíos do país: definir un modelo industrial sostible e competitivo para Galicia.
Baixo o título Un modelo industrial para Galicia, a cita reunirá dous expertos de referencia: Melchor Fernández Fernández, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, e Daniel Hermosilla Hermida, director executivo do Grupo Rodiñas e vicepresidente da Fundación Galicia Constrúe.
O diálogo entre ambos permitirá contrastar a perspectiva académica e a empresarial arredor dos cambios que precisa o tecido produtivo galego. O debate abordará cuestións como a diversificación industrial, a innovación tecnolóxica, o peso do sector construtivo e a necesidade de avanzar cara a un modelo sustentable, con capacidade para xerar emprego de calidade e atraer investimento.
Melchor Fernández, doutor en Economía pola Universidade Autónoma de Barcelona e coordinador do Grupo de Análise e Modelización Económica (GAME), é especialista na avaliación de políticas socioeconómicas e no impacto económico do Camiño de Santiago. Pola súa banda, Daniel Hermosilla é un referente na construción industrial galega, distinguido co premio Arquitectura para un mundo mellor polo seu labor innovador e social.
A actividade enmárcase no programa Os Luns do Ateneo, que busca promover o debate público sobre cuestións estratéxicas para Galicia a través de conversas con persoas expertas de distintos ámbitos. A entrada será libre ata completar aforo.

