Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A Semana da Ciencia do IGFAE celebra o centenario da mecánica cuántica con música, maxia e divulgación

A oitava edición do encontro explorará o legado e futuro da mecánica cuántica con conferencias, obradoiros e actividades que van da danza contemporánea ao jazz

Antía Lamas Liñares
O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares
USC

Neste 2025 está a celebrarse o Ano Internacional da Ciencia e a Tecnoloxía Cuánticas, coincidindo co centenario da publicación, en 1925, dalgúns dos artigos que sentaron as bases da mecánica cuántica, coa conseguinte revolución da nosa comprensión do mundo natural. Co gallo desta efeméride, a Semana da Ciencia do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, achégase desde perspectivas moi diversas a esta disciplina, esencial para o desenvolvemento da física moderna.

Esta oitava edición desenvolverase do 8 ao 14 de novembro, datas nas que se enmarca un amplo programa. O sábado 8 dará comezo a Semana da Ciencia con Ciencia Singular, a xornada de portas abertas organizada por CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS, os cinco centros da USC que forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia.

Antía Lamas Liñares

O acto central desta semana será a conferencia de Antía Lamas Liñares, física compostelá que actualmente é científica cuántica principal en Amazon Web Services, liderando o traballo de redes cuánticas nesta multinacional. Terá lugar o martes 11 de novembro ás 20.00 horas na Casa das Máquinas. Na súa charla, "A segunda revolución cuántica: o camiño dende a ciencia á enxeñaría", abordará as oportunidades que ofrece, 100 anos despois, o desenvolvemento da mecánica cuántica para producir novas tecnoloxías e produtos.

Antes da conferencia de Antía Lamas, ás 19.00 horas, a mesma Casa das Máquinas acollerá "A baralla cuántica: percepción, información e realidade". Neste espectáculo, o investigador do IGFAE Javier Mas e o mago Kiko Pastur únense, coa axuda do ilusionismo, para representar a perplexidade e confusión que supuxo o desenvolvemento das teorías da mecánica cuántica sobre a nosa percepción e coñecemento. 

Concerto de Sumrrá

A 8ª Semana da Ciencia do IGFAE tamén se achegará á música da man de Sumrrá, unha das bandas de jazz máis recoñecidas en Galicia, que este ano celebra o seu 25º aniversario. O mércores 12 de novembro (20.00 horas, auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea), o grupo mergullarase na física cun concerto no que se estreará unha peza inédita inspirada na física cuántica. 

Ademais de iniciativas como a xa clásica NerdNite (xoves 13 de novembro, ás 20.30 horas, na Nave de Vidán), a recta final da Semana da Ciencia inclúe novas iniciativas que pretenden achegarse a novos públicos, como unha Wikimaratón de Física de Partículas (xoves 13 de novembro, 15.30 horas, na sede do IGFAE) e un obradoiro sobre física cuántica e danza contemporánea (venres 14 de novembro, 17.00 horas, CGAC).

A primeira edición do Wikimaratón de Física de Partículas terá o obxectivo de crear contido na Wikipedia en galego relacionado coas áreas de investigación do IGFAE. A actividade está dirixida ao persoal do IGFAE, e aberto a estudantes do grao de Física da USC, titulacións afíns e calquera persoa con interese pola física de partículas.

A NerdNite achegarase á cuántica deste diversas perspectivas, como os reloxos cuánticos, a supercondutividade ou a influencia dos raios cósmicos na computación cuántica, da man, respectivamente, de Angel Paredes Galán (IFCAE-Universidade de Vigo), Jesús Mosqueira Rey (Grupo de Materiais Cuánticos e Fotónica da USC), e Carolina Filgueira Rama (IGFAE).

A Semana da Ciencia pecharase cun novo obradoiro que entretece a física cuántica e a danza contemporánea, coordinado polo investigador do IGFAE Héctor Álvarez e a artista Paula Quintas. Nel, exploraranse principios como a superposición, a incerteza, o entrelazamiento e a observación, e o seu papel á hora de inspirar novas formas de creación e movemento. 

Deste xeito, o taller convida a artistas, bailaríns e curiosos a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica. A inscrición na actividade, limitada a 25 participantes, abrirase proximamente.