A catedrática da USC Elena Vázquez Cendón, nova académica da Real Academia de Ciencias de España
A profesora de Matemática Aplicada ocupará a medalla número 29 da institución, en recoñecemento á súa traxectoria investigadora e docente

A catedrática de Matemática Aplicada Elena Vázquez Cendón acaba de ser elixida académica de número na Sección de Matemáticas da Real Academia de Ciencias de España. Pasará a ocupar a medalla número 29, que pertenceu ao profesor Amable Liñán, con quen compartiu dedicación ao programa Estalmat. Non en van, Liñán dirixiu esa iniciativa de estímulo de talento matemático desde a Academia durante varios anos e Vázquez Cendón presídea actualmente en Galicia.
Para a profesora da USC, ex decana da Facultade de Matemáticas da USC, este é “un recoñecemento ao traballo realizado, que sempre ten unha dimensión colectiva en ciencias”. “Esta dimensión -explica- nace no grupo de investigación Enxeñaría Matemática da USC, en conexión con valiosas persoas das que sempre aprendín e que conforman a familia de coautoras e coautores coa que temos achegado solucións analíticas e numéricas a problemas non lineais en mecánica de fluídos.”
A nova académica ten tamén palabras de agradecemento para os tres académicos que propuxeron a súa candidatura, Ildefonso Díaz, Jesús M. Sanz Serna e Luis Vega, a quen profesa “unha profunda admiración e o que engade ao nomeamento unha maior responsabilidade”, engadiu.
Elena Vázquez Cendón pasa a ser a cuarta docente da USC en ingresar na Real Academia de Ciencias de España, logo de Alfredo Bermúdez de Castro como correspondente en 2008, Wenceslao González Manteiga como correspondente en 2023 e José Luis Mascareñas Cid como numerario elixido en marzo deste ano.