Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Patri Otero, influencer: “quéixome de todo o que considero que está mal”

A creadora de contido compostelá destaca por elaborar vídeos de crítica social e reivindicativos

Patri Otero (@patriiotero), influencer compostelá
Patri Otero (@patriiotero), influencer compostelá
Redacción

Patricia Otero Calviño (Santiago de Compostela, 2000), máis coñecida coma @patriiotero en Instagram e Tik Tok, tiña claro que se quería dedicar ás redes nada máis finalizou a carreira de Xornalismo. Durante as súas prácticas tivo que responsabilizarse das redes sociais dun medio e, o que ao principio lle causou vertixe, rematou por converterse en toda unha paixón.

Iso foi o que a levou a especializarse coma community manager cun mestrado, que logo complementou con outro de deseño. No 2023, hai apenas dous anos, deu o paso e converteu os seus perfís en vitrinas a través das que denuncia as inxustizas e fai un exercicio de análise crítica dos mecanismos que moven o mundo. Ou como ela di, o que fai é “queixarse de todo”.

“O que fago é queixarme de todo o que penso que está mal. Teño contidos máis serios de denuncia e crítica social, de carácter reivindicativo… cos que, ante todo, quero facer reflexionar ás persoas”, explica Patricia. Toda unha novidade no panorama actual, xa que o contido que máis destaca entre os influentes adoita ser máis superficial e enfocado ao divertimento.

O que fago é queixarme de todo o que penso que está mal. Teño contidos máis serios de denuncia e crítica social, de carácter reivindicativo… cos que, ante todo, quero facer reflexionar ás persoas"Patri Otero, influencer

Así, na súa conta mestúranse vídeos de análise política con investigacións sobre os principais problemas que afectan á mocidade. Tamén elabora discursos feministas, censura calquera tipo de discriminación por razón de orientación sexual e fai unha promoción intensa do uso da lingua galega en Internet.

Malia levar pouco tempo creando contido, as súas publicacións xa espertan multitude de reaccións, tanto positivas coma negativas. Patricia realiza un labor polémico que en ocasións fai sacar á luz o lado máis perverso das redes sociais, ese no que semella que calquera comentario está xustificado independentemente de que cause algún prexuízo a outra persoa.

Por sorte, Patricia sabe levalo: “as críticas non me afectan demasiado, pola natureza do meu contido eu sabía que ía pasar e sempre fun moi consciente de a que me expuña”, recoñece. Con todo, considera que é un problema grave que afecta á meirande parte dos creadores de contido: “eu empecei a base de odio. Para min é preocupante o tema do odio nas redes, a xente pensa que non hai ninguén ao outro lado da pantalla”. A pesar do alarmante da situación, os difamadores gozan de impunidade.

Con todo, a súa determinación, calidade de divulgación e compromiso cun bo facer fai que tamén conte co apoio de multitude de seguidores que recoñecen o inxente traballo que hai detrás de cada vídeo de Patricia. En concreto, revela as boas relacións que existen entre os creadores de contido galegos: “creo que a comunidade está moi unida e que nos apoiamos uns aos outros”.

Iso si, considera que lle faltan referentes para o campo concreto no que ela se move: “á xente faille falta mollarse. O contido superficial tamén está ben e funciona, pero creo que estaría ben que as persoas con influencia tratasen temas relevantes”, sostén.

Á xente faille falta mollarse. O contido superficial tamén está ben e funciona, pero creo que estaría ben que as persoas con influencia tratasen temas relevantes"Patri Otero, influencer

Nese sentido, ela será un modelo para os que veñan despois, aínda que se ve “moi afastada, aínda estou comezando”, indica. Así e todo, no seu curto percorrido xa se ve unha evolución, nomeadamente no que á maneira de comunicar se refire: “eu mesma fun cambiando pola miña propia madurez, pero nunca mudei a miña forma de pensar. O que si que perfeccionei foron as miñas habilidades comunicativas”.

Perseveranza e dedicación

Patricia compaxina o seu labor en redes sociais cun traballo nunha axencia de comunicación. Ao contrario do que poida parecer, a creación de contidos para plataformas non é tarefa nin sinxela nin rápida. Ademais da xornada no seu posto laboral, dedica moitas horas á semana a preparar as publicacións que logo sube a Instagram e Tik Tok.

“É certo que fago moitos vídeos sen guión, nos que poño a cámara e solto o que penso. Pero noutros investigo, busco fontes, preparo o discurso e edito. Dedico moitísimo tempo a editar, para min é unha parte moi importante”, admite. Como mínimo, as cintas máis básicas -as máis improvisadas- poden levarlle unhas dúas ou tres horas, pero os contidos máis elaborados poden requirirlle entre sete e oito horas que reparte durante as tardes libres que ten na semana.

A clave do seu éxito está en que non se forza a publicar, senón que medita sobre os temas que realmente lle apetece cubrir para sacar deles as súas mellores reflexións. Se ben trata de subir algo todas as semanas, confía nos seus propios ritmos, consciente de que as redes son un complemento e non o seu traballo.

Proba da eficacia do seu método e do seu bo facer é que xa foi finalista na categoría de Mellor Creadora na pasada edición do Carballo Interplay. “Non o esperaba pero para min foi un orgullo que se valorase o meu traballo independentemente de que sexa un contido difícil, polémico. Poderían escoller a outros máis family-friendly e non o fixeron”, comenta a este respecto.

Isto dálle azos para seguir creando contido. Todo o que fai é cunha motivación clara que radica dun forte compromiso coa xustiza, por iso anima a máis persoas a que lle boten unha ollada ás súas canles: “é necesario reivindicar para avanzar como sociedade. Eu creo que aquí van atopar cousas sobre as que igual non reflexionaran antes, e outra xente igual atopa apoio porque falo de temas habitualmente invisibilizados”.

E, independentemente dos comentarios, ela seguirá facendo o mesmo contido porque é co que está cómoda e co que desfruta: “seguirei fiel a min mesma. Podería facer outras cousas pero perdería a miña esencia”, sentenza.