A Sala Capitol acollerá o 27 de novembro a gala dos I Premios da Industria Musical de Galicia
As persoas espectadoras poderán votar ata o 10 de novembro o Premio á Excelencia na Experiencia do Público, que recoñecerá os eventos ou espazos que ofreceron vivencias inesquecibles

Os I Premios da Industria Musical de Galicia, impulsados pola Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), abren este xoves o proceso de votación popular para escoller o Premio á Excelencia na Experiencia do Público, unha categoría na que será a propia audiencia quen actúe como xurado.
A iniciativa busca destacar aqueles proxectos, espazos ou eventos que poñen ás persoas espectadoras no centro, ofrecendo experiencias memorables.
As votacións permanecerán abertas ata o 10 de novembro ás 23.59 horas, a través dun formulario online. Cada persoa poderá emitir un único voto e propoñer unha candidatura.
Un recoñecemento ao talento galego
Ademais deste galardón popular, os Premios da Industria Musical de Galicia recoñecerán o traballo de profesionais e proxectos en 17 categorías diferentes. Un xurado profesional formado por especialistas en xornalismo musical, produción, comunicación e sustentabilidade seleccionou 42 finalistas entre máis de 100 propostas presentadas.
Entre as categorías destacan: Mellor deseño de iluminación, Mellor evento cultural/musical, Mellor proxecto de sustentabilidade, Mellor identidade visual, ou Mellor proxecto de comunicación. Tamén haberá recoñecementos á artista do ano e á persoa do ano, elixidos pola Xunta Directiva de AGEM.
A gala celebrarase na Sala Capitol
A entrega de premios terá lugar o xoves 27 de novembro na Sala Capitol de Santiago de Compostela, nun encontro sectorial que servirá para celebrar e visibilizar o talento da industria musical galega.
Segundo explicou a presidenta de AGEM, Patricia Hermida, “a música galega vive un momento de madurez e diversidade extraordinarias. Estes premios nacen para celebralo, agradecer o talento e recoñecer o valor das persoas e proxectos que converten a nosa industria nun verdadeiro motor cultural e humano para Galicia”.

