Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Palacio de Congresos acollerá o maior evento de videoxogos galegos da historia

O evento, organizado pola Deputación da Coruña, reunirá 50 proxectos creados en Galicia e celebrarse os días 8 e 9 de novembro no Palacio de Congresos de Santiago

Imaxe de arquivo dunha feira de videoxogos
Imaxe de arquivo dunha feira de videoxogos

Santiago de Compostela converterase os días 8 e 9 de novembro na capital galega do videoxogo e da cultura dixital coa celebración de Píxel á Feira, o primeiro salón galego dedicado en exclusiva ao sector. O evento, organizado pola Deputación da Coruña, reunirá máis de 50 proxectos creados en Galicia, a cifra máis alta amosada ata o momento nun encontro desta natureza. A programación e os horarios poden consultarse en pixelafeira.gal.

O salón nace coa vontade de ser un punto de encontro anual entre profesionais, creadoras, público afeccionado e institucións, ademais dunha plataforma de difusión para dar visibilidade aos videoxogos feitos en Galicia e en galego. O acceso será libre durante toda a fin de semana.

Cincuenta videoxogos galegos entre o pasado, o presente e o futuro

Entre os espazos máis destacados figura a exposición do MUVI – Museo do Videoxogo de Galicia, que exhibirá 22 pezas emblemáticas da historia do sector. Desde The Wall (1986), considerado o primeiro videoxogo galego, ata O misterio das 7 pezas, pioneiro na nosa lingua, a mostra ofrecerá unha viaxe polo patrimonio dixital do país.

Tamén se poderán ver títulos contemporáneos como Super Woden: Rally Edge, adianto dunha das sagas galegas máis exitosas que verá a luz en 2026; Cybershadow, xogo con máis de 300.000 xogadores no que participa un galego no equipo de desenvolvemento; ou Glest (2004), referente do software libre.

Na Zona Interactiva, o público poderá xogar e descubrir os proxectos actuais de estudos como ChusChus Games, que presentará Spells & Spices, Toupi e o seu día de merda e Candil; ou da Universidade da Coruña, que levará demos creadas polo seu alumnado. Tamén participarán propostas independentes e creadores emerxentes como Xerme (Acariño Games) e Golpes y Porrazos (Widijou).

O I Certame de Videoxogos en Galego da Deputación da Coruña, cuxa entrega de premios se celebrará o sábado 8, servirá ademais como escaparate para recoñecer o talento local e impulsar novas creacións.

Un escenario aberto á comunidade

O Escenario DLC converterase nun espazo participativo que nace dunha convocatoria aberta á comunidade galega do videoxogo, que respondeu de maneira masiva. O programa combinará presentacións, obradoiros e conversas que amosan a diversidade e a creatividade do sector.

O sábado destacan actividades como Lost Weapons, proxecto de worldbuilding con personaxes e contornos orixinais; unha introdución á creación de Visual Novels con Tomotoad; a charla da directora de desenvolvemento de EA SPORTS, Concepción González Agulla, sobre o seu libro Game Jams; o obradoiro de O Demo Game Jam sobre software libre; e presentacións de videoxogos galegos como A nosa fantasía (Melgo Cinema) ou Shadows of the Afterland (Aruma Studios).

Máis de trinta actividades para todos os públicos

A programación combinará industria, cultura e entretemento con máis de trinta propostas. O Escenario 1-1 acollerá encontros profesionais sobre tradución e localización en galego, educación e selo galego do videoxogo, ademais do concerto de Tiaviolí Gaming, que actuará por primeira vez en Galicia.

Tamén destacan a charla Arte & Historia nos Assassin’s Creed de El Barroquista, o podcast en directo Recuncho Gamer, o espectáculo Impro Gamer das Reinas Malas, o Gamesong Trivial Musical e o encontro SEGA fíxoo antes co divulgador Marc Rollán “El Funs”, que repasará os fitos da compañía no seu 65 aniversario.

Ademais, o público poderá visitar a Zona Mercado, con tendas e artistas da cultura dixital, e unha selección de máquinas recreativas orixinais —como as de Daytona USA (1993), con ata oito xogadores simultáneos—, así como participar en torneos de títulos clásicos e actuais, entre eles Mario Kart 8 DX, Street Fighter 6, Sonic ou Super Woden GP 2.