Santiago lembra a primeira visita de Federico García Lorca a Galicia hai máis de cen anos
A alcaldesa e o editor Henrique Alvarellos destacaron a fonda relación do poeta con Compostela e os 90 anos dos "Seis poemas galegos"

Ao pé da estatua de Lorca na Alameda tivo lugar, un ano máis, a conmemoración da primeira visita do poeta granadino a Galicia, que chegou á estación de Cornes, naquela altura Concello de Conxo, a noite do 25 de outubro de 1916.
Na súa intervención de benvida, a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín, fixo mención a que cando Lorca chegou a Galicia nunha viaxe de estudos, “viña como artista pero como artista musical, porque naquela altura era pianista, mais un ano despois deixou escrito que foi naquela primeira viaxe a terras galegas onde tomou a decisión de dedicarse á literatura”.
Pola súa banda, o editor Henrique Alvarellos incidiu na relación especial de Federico García Lorca con Santiago e con Galicia e explicou que foi nunha carta a Eduardo Blanco Amor onde deixou escrito que quedara ”fulminado por Santiago de Compostela”. Tamén citou unha misiva a Blanco Amor, que xa non se conserva, onde García Lorca asegurou que “ao tempo que os meus poemas en castelán son cada vez máis profesionais, os meus poemas en galego son cada vez máis vocacionais”.
No acto participaron varios grupos de alumnado de bacharelato de Artes Escénicas e Musicais do IES Antonio Fraguas que leron varios poemas do autor, interpretaron un monólogo baseado na obra “A casa de Bernarda Alba” e unha performance co poema “Danza da lúa”, e remataron coa interpretación musicada do poema “Canzón de cuna”.










