Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O PSdeG pide regular as áreas de autocaravanas e incluílas na taxa turística

Os socialistas composteláns levarán ao Pleno de outubro unha moción para aprobar unha ordenanza municipal e instar á Xunta a modificar a Lei de Turismo de Galicia

imagen archivo caravana
O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, reclamou un marco normativo que evite que as áreas de autocaravanas funcionen como cámpings encubertos
Lucas Favre

O Grupo Municipal Socialista de Santiago levará ao Pleno deste mes de outubro unha moción para reclamar unha regulación municipal das áreas de autocaravanas e para instar á Xunta de Galicia a modificar a Lei de Turismo de Galicia co fin de incluír estes espazos entre os establecementos aos que se lles poida aplicar a taxa turística.

O voceiro socialista, Gumersindo Guinarte, advertiu de que “nos últimos anos estase producindo un incremento evidente do turismo de autocaravanas e tamén un incremento evidente das correspondentes áreas de acollida”. Segundo explicou, a Lei de Turismo de Galicia denomínaas así e “non as considera como establecementos turísticos, malia que na práctica moitas destas áreas funcionan como cámpings encubertos”.

O fenómeno do turismo de autocaravanas experimentou un notable crecemento en Galicia e tamén en Santiago, pero a cidade carece na actualidade dunha ordenanza municipal que regule o funcionamento destas áreas nin mecanismos de control específicos. Esta falta de regulamento, segundo indican as e os socialistas, pode conducir a que moitas áreas acaben funcionando como cámpings encubertos fóra dun marco de seguridade, legalidade e convivencia co resto do sector e da cidade.

Guinarte subliñou que, ao non seren considerados establecementos turísticos, “non é posible aplicarlle na actualidade a taxa turística”, o que deixa estes espazos fóra dun sistema que, segundo o voceiro, contribúe a avanzar cara un modelo de turismo máis sostible e equilibrado.

A moción que o grupo socialista presentará no Pleno inclúe dous obxectivos principais. En primeiro lugar, “que o Consello aprobe unha ordenanza municipal que regule estes espazos para que non sexan un problema de seguridade e de convivencia e non sexan tamén unha competencia desleal dos cámpings”. En segundo lugar, “que a Xunta de Galicia modifique a Lei de Turismo de Galicia para que eses espazos, como acontece noutras comunidades autónomas, sexan considerados asimilados a establecementos turísticos e, por tanto, desexe aplicarlle a taxa turística”.

Dende o grupo municipal sosteñen que esta proposta pretende dotar o Concello das ferramentas necesarias para ordenar un fenómeno en crecemento, garantir a igualdade de condicións entre os distintos sectores turísticos e avanzar cara a unha política turística xusta e sostible.