O Museo do Pobo Galego presenta unha guía con pictogramas para facer máis accesible a cultura
A publicación, elaborada co apoio de Aspanaes, facilita a persoas con distintas capacidades cognitivas, sensoriais ou lingüísticas gozar do museo de maneira autónoma

A Sala do Mar do Museo do Pobo Galego foi escenario da presentación dunha guía con pictogramas para favorecer que persoas con diferentes capacidades cognitivas, sensoriais ou lingüísticas poidan gozar do museo de forma autónoma.
Esta guía foi elaborada como parte das propostas de accesibilidade do museo e contou coa colaboración de Aspanaes. A guía pode consultarse en formato dixital na web do museo e forma parte da aposta por promover o acceso ao patrimonio desde a diversidade, a participación e a coeducación, en liña tamén coa consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS).
No acto de presentación participaron Lino Lema Bouzas, en representación do Padroado do Museo; Ignacio Labella, presidente de Aspanaes; Raúl Crespo, director do Servizo de Atención Diurna Terapéutica de Santiago; Begoña Abeijón Fernández, directora xeral de Persoas con Discapacidade da Xunta; Mar García Vidal, responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade da Deputación da Coruña; María Rozas, concelleira de Dereitos e Servizos Sociais do Concello de Santiago; as educadoras Carme Campo e Ana Nieves; o divulgador Xosé Valtierra; e integrantes do equipo que desenvolveu o proxecto.
