O CGAC acolle unha mesa redonda sobre o coleccionismo no marco de Aberto
Os coleccionistas Ana Isabel Álvarez Goyanes e Luis Miguel López Rodríguez conversarán con Pedro de Llano sobre o papel do coleccionismo en Galicia e os seus desafíos de futuro

O Centro Galego de Arte Contemporánea acollerá unha mesa redonda sobre coleccionismo o luns 27 de outubro ás 10.00 horas, organizada en colaboración co Departamento de Historia da Arte da USC.
En colaboración con Aberto, unha iniciativa promovida pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia, os coleccionistas Ana Isabel Álvarez Goyanes e Luis Miguel López Rodríguez, ambos os dous residentes en Monforte de Lemos, conversarán co historiador da arte Pedro de Llano Neira sobre o coleccionismo en Galicia.
Entre as preguntas que serán obxecto de reflexión están: Como se inicia unha colección? Cando se recoñece alguén como coleccionista? Como se orienta a identidade dunha colección particular? Como resulta a convivencia cotiá coas obras? Como son as relacións con artistas, galeristas, comisarios, críticos? En que medida afecta a normativa fiscal á paixón por adquirir obras de arte? Cal é o destino dun proxecto de coleccionismo de cara ás xeracións futuras?
A actividade conta con 250 prazas de balde ata completar aforo e está dirixida a estudantes, galeristas, coleccionistas e profesionais da xestión cultural.











