Febre polas foliadas: por que as pandeiretas seguen marcando o pulso de Galicia?
Cada vez máis adultos incorpóranse á música tradicional, un movemento vivo que atopa en Compostela un espazo privilexiado para aprender, compartir e celebrar

Ao caer a noite en Compostela, entre o rumor das conversas e o latexo das rúas vellas, hai un son que regresa unha e outra vez, teimudo e alegre: o das pandeiretas. Nos bares, nas prazas e nas aulas improvisadas, a música tradicional galega volve ser linguaxe común dunha xeración que busca recoñecerse nas súas raíces sen renunciar ao presente. As foliadas multiplicáronse, os talleres énchense, e o que hai non moito parecía un costume rural ou folclórico recupera agora unha forza inesperada, con centos de persoas —moitas delas mozas— que volven bater coas mans, cantar en coro e bailar arredor da memoria.
Hai quen fala dun renacemento, e quen prefire chamarlle continuación dunha herdanza que nunca chegou a apagarse del todo. Mais o certo é que Galicia está a vivir unha febre polas foliadas que transcende xeracións e que ten un compás claro: o da pandeireta. Instrumento humilde e poderoso, símbolo do que é colectivo, o seu ritmo volve marcar o pulso dunha terra que atopou na tradición un modo de expresarse e de resistir.
A música tradicional deixou de ser só cousa das escolas rurais ou das festas patronais: hoxe tamén pertence ás rúas compostelás, aos grupos de mozos e mozas que se xuntan sen máis pretensión ca tocar, cantar e compartir. Nese movemento, a pandeireta ergueuse como emblema dunha identidade sonora que non entende de modas nin fronteiras, e que latexa con tanta forza no corazón dos obradoiros como nos encontros populares.
Un fenómeno tanxible
José Manuel Salvado Sanín, propietario do taller Sanín Percusión Tradicional, sinala que o crecemento dos interesados nos instrumentos tradicionais "non é algo novo, nin algo que fora así de repente". Dende fai uns 20 anos cada vez son máis as incorporacións de adultos á música tradicional.

"Hai máis anos, 30 ou 40, había unha incorporación de nenos moi grande, xa fora pola escola ou porque en cada parroquia había unha asociación que traballaba moi principalmente coa mocidade e os nenos", sinala Sanín. Non obstante, nalgún momento a tendencia cambiou.
Compostela, un lugar especial
"Compostela é unha burbulla, un espazo amable para moitas cousas", destaca Sanín. Na capital galega hai moitos colectivos e actividades relacionadas coa música tradicional e, este feito sumado ás aulas e novos espazos que facilitan a aprendizaxe, fai moito máis doada a incorporación dos adultos.
"Tamén está o fenómeno das foliadas, que fai ese uso da música tradicional que en Galiza temos tan normalizado e que é algo excepcional en Europa", recalca. Este tipo de feitos fai da música algo doméstico, cotiá e público: "Antes existían as foliadas, pero eran máis privadas. Se estabas nun grupo de baile, era probable que houbera unha, pero só para a xente do grupo".
Pandeiretas, grandes protagonistas
Os instrumentos de percusión son os máis accesibles e relativamente sinxelos á hora de tocalos, polo que son tamén os máis demandados. "Quen queira ter algo personalizado, especial, xa ten que pagar unha diferencia de prezo. Pero quen queira ter una pandeireta pode conseguir unha por un prezo e dunha calidade imposible de comparar", explica Sanín.
É neste eido no que as pandeiretas son "as raíñas indiscutibles", superando en demanda a todos os demais. "A pandeireta é a presidenta da república musical tradicional", asegura Sanín. Aínda que tamén hai unha demanda de outro tipo de instrumentos como tambores, bombos, pandeiros...

Un ano significativo
Este 2025 foi, sen dúbida, un ano de reafirmación colectiva, no que as voces e os sons da tradición deixaron de ser lembranza para converterse en presente. Cun Día das Letras Galegas dedicado á figura das cantareiras o auxe impulsouse un pocuo máis. "A xente está respondendo dun xeito inédito á homenaxe deste ano. Foi con diferenza o ano no que as Letras Galegas estiveron máis presentes, todos tíñamos claro quenes eran as homenaxeadas...", explica o artesán.
As foliadas multiplicáronse nas rúas e prazas de Compostela, as pandeiretas volveron soar con naturalidade e as escolas tradicionais viven un momento de efervescencia que ninguén imaxinaba hai apenas dúas décadas. O que naceu como un xesto de resistencia cultural transformouse nunha celebración compartida, transversal, aberta a quen queira sumarse.
Quizais esa sexa a clave do fenómeno: a música tradicional non pertence a ninguén, porque é de todos. Non precisa escenarios nin artificios, basta unha mesa, un patio ou unha noite de verán para que o compás regrese. As novas xeracións xa non a perciben como algo antigo, senón como unha forma viva de estar no mundo, unha maneira de construír comunidade nun tempo que tende á dispersión.
E mentres a pandeireta segue marcando o ritmo —coma un corazón que non se rende—, Galicia continúa escoitando o seu propio eco, recoñecéndose nesas voces que nunca deixaron de soar. Hai unha memoria que se transmite coas mans, coas palmas, coas gargantas, unha cadea invisible que une ás cantareiras de onte coas de hoxe, aos nenos das escolas coas mulleres que abrían o camiño nas aldeas.
En Compostela, esa música segue a ser moito máis ca un recordo: é identidade, é resistencia e é celebración. Porque mentres haxa quen toque, cante e baile, Galicia seguirá a ter pulso, e nel —inevitablemente— soará unha pandeireta.














