O artista Enrike Solinis percorrerá a historia musical no Paraninfo da USC
O intérprete bilbaíno recoñecido internacionalmente ofrecerá este mércores o programa ‘Ars Lachrimae’

O ciclo Ateneo Barroco despídese esta semana cunha cita que promete emoción e virtuosismo. O mércores, 22 de outubro, ás 20.30 horas, o Paraninfo da Universidade de Santiago acollerá o concerto Ars Lachrimae. Unha historia do laúde, protagonizado polo recoñecido músico Enrike Solinis, un dos máis destacados intérpretes de corda pulsada da súa xeración. As entradas poden adquirirse na web www.festivalateneobarroco.gal.
Un percorrido sonoro do Renacemento ao Barroco
O programa toma como punto de partida a pavana de John Dowland, símbolo dunha estética musical que combina melancolía e refinamento expresivo. A partir desa obra, Solinis propón unha viaxe que percorre séculos e estilos, combinando composicións de Bach, Couperin, Sanz, Mudarra ou De Visée, entre outros grandes mestres europeos.
Ao longo do recital, o músico bilbaíno fará soar o laúde renacentista, o laúde barroco, o archilaúde e a guitarra barroca, instrumentos que ilustran a evolución dunha tradición musical capaz de transformar o silencio en emoción. Ars Lachrimae constitúe así unha homenaxe á tradición dos tanxedores de laúde, artífices dunha arte que conecta coa esencia mesma dos afectos barrocos.
Un referente internacional
Natural de Bilbao, Enrike Solinis formouse no Conservatorio J. C. Arriaga e na Escola Superior de Música de Cataluña, e colaborou con agrupacións de prestixio como Hespèrion XXI, Le Concert des Nations ou Akademie für Alte Musik Berlin. Actuou en escenarios de referencia como o Carnegie Hall de Nova York, o Barbican Center de Londres ou o Teatro an der Wien de Viena.
Fundador do Euskal Barrokensemble, Solinis é recoñecido pola súa versatilidade, expresividade e visión persoal, combinando rigor histórico e liberdade creativa. A súa interpretación do repertorio antigo, chea de matices e vitalidade, consolidouno como un dos artistas máis singulares da música antiga contemporánea.









