Barry B pechará cun concerto gratuíto na Sala Capitol
O artista de Aranda de Duero, referente do pop alternativo, actuará o 30 de outubro tras as bandas galegas Ginko Biloba, Futuro Alcalde e Amaramar

Barry B, un dos artistas referentes do pop alternativo, ofrecerá un concerto gratuíto en Santiago o próximo 30 de outubro. O cantante actuará na Sala Capitol, pechando unha xornada musical na que tamén participarán grupos vinculados aos locais de ensaio do Centro Xove da Almáciga.
Barry B, un artista nacido no municipio burgalés de Aranda de Duero que empezou na industrial musical en 2021 e que na actualidade acumula máis dun millón de escoitas mensuais en Spotify. Publicou o seu primeiro disco, "Chato", a finais do ano pasado, e vén de dar a coñecer un novo single, “Infancia mal calibrada”, que é a antesala do que será o seu novo traballo discográfico.
Tal e como explica Alberto Alfonso Vázquez, da productora Artmusic, “trátase dun dos artistas novos con maior proxección do Estado, cunha proposta súperexplosiva, e do que estou seguro de que en dous ou tres anos presumiremos de telo tido en Santiago nunha proposta coma esta”.
Barry B actuará despois de tres bandas galegas referentes da música actual, e vinculadas aos locais do Centro Xove da Almáciga, que conforman o cartel do festival “Música no atardecer”. Trátase de Ginko Biloba, Futuro Alcalde e Amaramar, que actuarán tamén de balde a partir das 19.30 horas.
Recollida de invitacións
Tanto os concertos de “Música no atardecer” como o de Barry B son de balde, pero será preciso retirar previamente a invitación para asistir. Os convites estarán dispoñibles ata o venres no Centro Sociocultural do Ensanche; e os días 27, 28 e 39 de outubro no propio Centro Xove da Almáciga. Para asistir é preciso ser maior de 16 anos, pero os e as menores de idade deberán ir acompañados de pai, nai ou titor. Hai preto de 800 entradas dispoñibles e entregaranse dúas por persoa.









