“Escoita, sinte e desfruta!”, lema da nova tempada da Banda Municipal de Música de Santiago
A formación está a piques de rematar o ciclo de outono con citas no Teatro Principal, Auditorio de Galicia e residencias compostelás

“Escoita, sinte e desfruta!” é o lema da nova tempada de concertos da Banda de Música Municipal de Santiago que se desenvolverán principalmente no Teatro Principal e no Auditorio de Galicia. No ciclo de outono ofrece ata 15 concertos.
Esta proposta está pensada para todos os públicos combinando tradición e vangarda, concertos didácticos e familiares, proxectos experimentais, colaboracións institucionais e iniciativas de proximidade.
Últimas actuacións do outono
Na fin de semana, a Banda Municipal de Música únese a Amigos da Ópera de Santiago e Coro Liceo de Vilagarcía para ofrecer unha representación da zarzuela galega “Non chores, Sabeliña”, unha obra en tres actos de Gustavo Freire que data de 1942.
“Non chores, Sabeliña” achega un conto dos amores de mocedade. A protagonista sofre polos quereres, mais pronto verá que o verdadeiro amor sempre atopa o seu camiño. Represéntase o sábado en Vilagarcía e o domingo no Auditorio de Galicia ás 20.00 horas con entrada de balde previa retirada de localidades.
O domingo seguinte, 26 de outubro, a cita é no Teatro Principal, onde Casiano Mouriño, director da banda, dirixiraa no concerto “Unha ollada de onte a hoxe”. Finalmente, as últimas citas de outubro serán para o público senior. Na Residencia do Castiñeiriño o mércores 29 e na da Volta do Castro o xoves 30, coa proposta “Desfrutando cos nosos maiores”.








