Contemporáneas flúe: a nova tempada do ciclo compostelán afonda na música e na poesía da auga
Compostela Cultura presenta unha nova edición do programa, con dez propostas entre outubro e maio

Compostela Cultura presenta unha nova edición do ciclo Contemporáneas, un programa de dez propostas que entre outubro de 2025 e maio de 2026, ofrece unha inmersión na creación musical contemporánea a través dun fío poético e compositivo: a auga.
Símbolo de transformación, fluidez, memoria e desexo, a auga é o punto de partida dun itinerario que explora o seu poder sonoro, a súa dimensión política e o seu valor como metáfora da vida e do cambio. As obras seleccionadas abordan o líquido desde múltiples perspectivas e convidan o público a mergullarse en novas formas de escoita.
A concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao, presentou este venres a nova edición de Contemporáneas nunha rolda de prensa na que estivo acompañada dos compositores Fernando Buide del Real e Nacho Muñoz e da artista visual Sol Álvarez.
Nesta edición, o ciclo Contemporáneas presenta nove estreas, das que catro son absolutas e cinco se escoitarán por primeira vez en España, reafirmando o compromiso do Auditorio de Galicia coa difusión da música contemporánea e co impulso a novas autorías.
Destaca tamén a ampla presenza feminina: preto dunha vintena de compositoras de diferentes xeracións e procedencias participan no programa da edición. O concerto da pianista Isabel Dobarro —candidata aos Premios Grammy Latino polo traballo que agora presenta en Compostela— está integramente dedicado a creacións de mulleres, con nove autoras representadas, entre elas a galega Carme Rodríguez.
Dez encontros
- 21 de outubro: Grupo Instrumental Siglo XX con "Mamá, eu quero ser de auga".
- 26 de novembro: Isabel Dobarro con "Kaleidoscope".
- 9 de decembro: André Cebrián e Pedro Mateo González con "Cartografía do mar".
- 13 de xaneiro: Vertixe Sonora con "Sementeira para cinco músicos.
- 3 de febreiro: Trío Zukan con "URa".
- 10 de marzo: Música Práctica e Abraham Cupeiro con "Constelacións de auga".
- 13 de abril: PluralEnsemble e Fabián Panisello con "Nieve sobre nieve".
- 12 de maio: Nacho Muñoz e Sol Álvarez con "Compostela In-Audita"
- 23 de maio: Colectivo Galiza Emocional, Nacho Muñoz, Sol Álvarez e Marcos PTT con "Sarela. Caudal Sonoro".
- 31 de maio: Pulso Ensemble con "Laboratorio Sonoro Inclusivo".