Alejandro Vargas leva a improvisación contemporánea ao Festival Ateneo Barroco
O pianista cubano afincado en Santiago presenta este sábado no Hostal dos Reis Católicos o proxecto Fractais Sonoros, unha viaxe entre o barroco e o jazz de vangarda

O Festival Ateneo Barroco continúa a súa sétima edición cunha das propostas máis arriscadas e innovadoras do seu programa: unha sesión de improvisación contemporánea a cargo do pianista e compositor Alejandro Vargas, titulada Fractais Sonoros. A cita terá lugar este sábado 18 de outubro ás 20.30 horas no Parador Hostal dos Reis Católicos, dentro do ciclo Improvisando, iniciado o pasado ano para abrir novas vías de diálogo entre a música antiga e a creación contemporánea.
No escenario compostelán, Alejandro Vargas convida o público a unha viaxe sonora na que se entrelazan a herdanza barroca, a improvisación temática e as linguaxes do jazz de vangarda. En Fractais Sonoros, o pianista constrúe planos e paisaxes capa a capa, coma nun órgano de tubos, inspirándose tanto en danzas e leccións de tebras francesas como nas correntes do minimalismo e do jazz experimental.
A sesión contará ademais cun elemento técnico e simbólico singular: os altofalantes de tubo OrganSound, unha creación artesanal do enxeñeiro compostelán Juan Portela Seijo, inspirada nas formas arquitectónicas das catedrais góticas e pensada para amplificar o son con matices tridimensionais.
Unha traxectoria entre Cuba e Galicia
Nado en Holguín (Cuba) en 1980 e formado no Instituto Superior de Arte da Habana, Alejandro Vargas é unha das figuras máis destacadas do jazz cubano contemporáneo. Instalado en Santiago de Compostela, consolidou unha ampla carreira como intérprete e creador, colaborando con artistas como Ugia Pedreira, Mónica de Nut ou Guadi Galego, e liderando proxectos propios como Oceanía, Diablito Baila ou Máis Alálá.
Na súa obra recente, o músico desenvolve un sistema harmónico persoal que redefine a improvisación como un proceso vivo de exploración sonora e emocional, e que agora comparte co público compostelán nun formato íntimo e reflexivo.









