Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

A Xunta aposta pola formación e a dixitalización como claves para o futuro do comercio galego

O conselleiro José González inaugurou no GaiásTech, en Santiago, a xornada ‘Impulsando o comercio galego’

Na súa intervención, José González salientou a importancia da xornada como espazo para compartir coñecemento e sumar esforzos
Na súa intervención, José González salientou a importancia da xornada como espazo para compartir coñecemento e sumar esforzos
Xunta

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, inaugurou este venres no GaiásTech a xornada Impulsando o comercio galego: Innovación, dixitalización e experimentación, un encontro organizado pola Xunta de Galicia no marco do Plan estratéxico do comercio 2025-2030. A iniciativa busca reforzar a competitividade do sector mediante a formación, a innovación e a transformación dixital, tres piares que, segundo destacou o conselleiro, “son pancas imprescindibles para afrontar os novos retos do comercio”.

Consolidación de apoios e novas medidas en 2026

O conselleiro avanzou que en 2026 se consolidarán as principais liñas de apoio ao comercio, especialmente aquelas orientadas á dixitalización, modernización e sustentabilidade dos establecementos. Tamén anunciou novas edicións dos Bonos Activa Comercio, que ademais de servir como estímulo económico “convertéronse nunha importante campaña de promoción do comercio local”. A última convocatoria, dotada con 2,5 millóns de euros, esgotouse en apenas dous días e medio.

Outro dos eixos da intervención de José González foi a remuda xeracional, fundamental para garantir o relevo no comercio galego. O conselleiro destacou medidas como as futuras bolsas para aprendices no eido artesán, que contarán cun investimento dun millón de euros en 2026, complementarias ao programa Aprender da tradición.

Tamén fixo referencia á Rede de polos, que ofrece asesoramento en emprendemento e mantén unha bolsa de remuda comercial, así como á campaña Localízate, dirixida ao alumnado de ESO e FP Básica, orientada a crear vínculos entre a mocidade e o comercio de proximidade.

Un encontro para innovar e colaborar

A xornada, que se prolongará durante todo o día, combina mesas de casos de éxito, espazos de demostración tecnolóxica e talleres prácticos sobre redes sociais, márketing dixital, escaparatismo e implantación da factura electrónica. Ademais, conta con áreas de networking para favorecer o intercambio de experiencias e colaboracións entre profesionais, empresas e institucións.

Todas estas actuacións enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta dotada con 320 millóns de euros e composta por máis de 70 accións para impulsar un comercio galego máis competitivo, sostible e conectado co futuro.