Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

Verea pide á Xunta “unha especial sensibilidade” co incremento do Estatuto da Capitalidade nos orzamentos de 2026

O líder do PP de Santiago reclama que o compromiso coa cidade “é tamén un compromiso con Galicia” e critica o “mercadeo de cifras” do goberno local

Borja Verea, durante unha intervención no Parlamento de Galicia
Borja Verea, durante unha intervención no Parlamento de Galicia
Cedida

O presidente do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reclamou este xoves á Xunta de Galicia que manteña unha “especial sensibilidade” co incremento do Estatuto da Capitalidade nos orzamentos autonómicos para 2026. O tamén deputado popular asegurou estar “convencido” de que o Goberno galego seguirá apostando por Santiago e destacou que “seguir mantendo o compromiso coa cidade significa tamén manter o compromiso con Galicia”.

Verea explicou que trasladou esta petición ao conselleiro de Facenda e eloxiou o labor da Administración autonómica “fronte a un goberno local paralizado e superado”. Nese sentido, considerou que “é a Xunta quen debe marcar a diferenza na cidade, como xa vén facendo, e que mellor oportunidade que facelo mellorando a cifra do Estatuto da Capitalidade”.

Críticas ao goberno municipal de BNG e CA

O líder dos populares composteláns acusou ao executivo local de BNG e Compostela Aberta de practicar un "mercadeo de cifras irresponsable" e de antepoñer “intereses partidistas” aos da cidadanía. “O goberno local é o único incapaz de ceder terreos para construír vivenda pública, poñendo por diante os seus intereses aos de todos os santiagueses que buscan vivenda”, afirmou.

Verea lembrou ademais que o pasado ano o Estatuto da Capitalidade experimentou “a maior suba dos últimos quince anos”, crecendo por riba do propio orzamento autonómico. “Foi o recoñecemento dunha administración liderada por Alfonso Rueda, que ten clara a folla de ruta, o interese xeral e o valor da nosa cidade como capital de Galicia —non só unha capitalidade legal, senón tamén sentimental—”, concluíu.