Os Bonos Corazón esgótanse en hora e media repartindo 300.000 euros
A alta demanda confirma o éxito dun programa municipal que busca apoiar o pequeno comercio e reforzar o consumo de proximidade en Santiago

Os Bonos Corazón quedaron esgotados ás 11.00 horas, hora e media despois de que quedara habilitada a súa descarga na web. O Concello destinou a esta convocatoria 300.000 euros, que se suman aos 300.000 que xa se repartiran na primeira convocatoria do mes de maio.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, cualificou de “rotundo éxito” esta segunda convocatoria, que esgotou o orzamento dispoñible nun tempo récord.
A tenenta de alcaldesa recordou que na primeira convocatoria dos Bonos Corazón deste ano, en maio, conseguíranse mobilizar máis dun millón de euros en vendas nos establecementos adheridos, “e a previsión é movernos en cifras similares nesta quenda, de maneira que pecharemos o ano con máis de dous millóns de euros mobilizados na hostalería e no comercio local cun investimento municipal de 600.000 euros”.
Para a concelleira, estes datos “confirman que os Bonos Corazón son uha ferramenta moi útil para incentivar as compras, e máis no novo formato impulsado este ano de acordo co tecido comercial, con dúas convocatorias que coinciden en épocas de menos vendas para os establecementos”.










