Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?

Mi cuenta

Las notificaciones están bloqueadas. ¿Cómo desbloquear?
Santiago de Compostela

O Concello impulsa a campaña “Ficha polo galego” para promover o uso da lingua no deporte compostelán

A iniciativa, presentada por Goretti Sanmartín e Pilar Lueiro, conta coa implicación de clubs e deportistas de referencia e busca asociar o galego cos valores positivos do deporte

presentación campaña ficha polo galego
A alcaldesa e a concelleira de Deportes presentaron a campaña acompañadas de representantes de clubs e deportistas composteláns
Concello de Santiago

O Concello ven de lanzar a campaña "Ficha polo galego", que está dirixida a clubes e deportistas composteláns co obxectivo de sensibilizar e promover o uso da lingua galega no eido do deporte

A alcaldesa, Goretti Sanmartín, e a concelleira de Deportes, Pilar Lueiro, presentaron a iniciativa en rolda de prensa, xunto á técnica de lingua Marta Besada e coa presenza de membros do Obradoiro CAB, Sociedade Deportiva Compostela, Club Atlético Fátima, Alto do Vento Fútbol Sala, Club de Hockey Compostela, Club Voleibol Santiago, Triatlon Compostela, Entrenarunning e ADB Fontiñas.

“Ficha polo galego” nace da necesidade de ofrecer ferramentas e referentes para promover o uso do galego no deporte, onde a súa presenza é escasa. A alcaldesa subliñou o carácter transversal da iniciativa, que conxuga lingua e deporte coa intención de unir forzas e “conseguir que Santiago de Compostela sexa referente e capital para animar a todo o mundo a usar a nosa lingua”, situándose na “vangarda da defensa do noso idioma” e como “referente para o conxunto da poboación galega”.

Nese sentido, Goretti Sanmartín puxo o foco nos datos do IGE que sitúan a Santiago como a cidade galega na que máis se usa a lingua propia:  máis de 41.000 persoas, o 44,52% da poboación, fálana sempre ou case sempre e o 98,58% enténdea.

logo campaña “Ficha polo galego”
A campaña contou coa participación de diversos deportistas
Concello de Santiago

Sanmartín sinalou que dende o primeiro momento se apreciou unha reacción moi positiva á campaña “cun efecto de contaxio que empezou a palparse”. Mencionou que durante a elaboración dos vídeos e outros materias da campaña o Concello contou xa coa implicación de deportistas coma Blanca Millán (baloncesto), Borja Iglesias (fútbol), Verónica Boquete (fútbol), Vega Souto (ximnasia rítmica), Noa Fuentes (adestradora de hóckey), Adrián Dios (adestrador de baloncesto), Carme Castro (presidenta de club de fútbol), Sergio Delpont (xornalista) ou Moncho Fernández (adestrador de baloncesto).

Entre os clubes colaboradores están o Obradoiro CAB, SD Compostela, Balonmán Ribadosar, Rugby Tuxeleires, Club de Atletismo Sar-Miraraio, Club Waterpolo Santiago, ADB Fontiñas, Escaravellos Club Ciclista, Hóckey Raxoi, Compostela Esgrima, Club Ximnasia Rítmica Compostela, Club de Tenis Camiño Stellae, San Pedro FC, Compostela Golf, Xadrez Compostela e Asociación Break Inclán, CD Ávalon Kai, entre outros.

Materiais e sensibilización

A campaña ofrece ferramentas e materiais para incentivar e facilitar o uso do galego no eido deportivo. Entre eles, destacan unha declaración de compromiso que invita á reflexión e á acción; materiais sensibilizadores en espazos físicos e virtuais; e materiais para sorteos en redes sociais asociados a referentes deportivos con actitudes amables cara á promoción do uso da lingua.